Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[CICLISMO]

O Karpin Galicia vai tomando forma

Coa tempada aínda sen rematar, o Karpin Galicia, o primeiro equipo profesional galego, está a revolucionar o mercado de fichaxes cara ao próximo curso. O conxunto que dirixirá Álvaro Pino xa comezou a contactar con moitos corredores co obxectivo de ir formando o cadro de ciclistas para o seu debut. Malia que de momento só está pechada ao cento por centro unha fichaxe, os acordos verbais son numerosos e pódese dicir que o novo equipo xa "tocou" aos corredores galegos máis destacados das últimas tempadas. Esta é a lista dos fichados, contactados e futuribles para o novo proxecto galego.

- 11:08 12/09/2006
Tags:

Amateurs
O Karpin Galicia dará previsibelmente a oportunidade na categoría profesional a catro ciclistas ata agora amateurs. Xoán Mourón (Betanzos / CC Estradense); Gonzalo Rabuñal (Arteixo / Frisonoble) que foi quinto no campionato de España sub-23 e segundo na volta a Galiza; Serafín Martínez (O Rosal / Froiz), bronce no sub-23 estatal; e David Abal (Redondela / Filial Liberty Seguros). Os catro formaron parte da potente selección galega que tan bos resultados deu en probas como a Clásica aos Portos.

Profesionais
David García: (Marín / LA Liberty, Portugal). Xa firmou polo Karpin Galicia. Gran corredor de equipo, combina a partes iguais potencia e velocidade.

Ezequiel Mosquera: (Santiago / Comunitat Valenciana). Bo escalador. Corredor moi regular malia que aínda non obtivo unha vitoria importante.

Gustavo Domínguez: (O Porriño / Orbea). Con só 25 anos xa atesoura varios anos de experiencia como profesional. Corredor moi intelixente e táctico.

Ramón Troncoso: (Vigo / Inmoholding – Loulé, Portugal). Aposta persoal de Valery Karpin. Está a realizar unha boa tempada, rematando entre os cinco primeiros en varias carreiras.

David Blanco: (A Coruña / Comunitat Valenciana). Despois de seis anos como profesional, este ano obtivo o triunfo na Volta a Portugal.

Alex Marque: (A Estrada / Inmoholding – Loulé, Portugal). Bo corredor de equipo. Só 25 anos aínda ten moito que demostrar como profesional.

G. César Veloso: (Vilagarcía / Kaiku). Unha das máis firmes promesas do ciclismo galego. Gañou unha tirada da última Volta a Portugal. Moi forte e especialista nas contrarreloxo.

David Herrero: (Bilbao / Euskaltel). Ciclista rápido e potente. Gañou tiradas de varias voltas autonómicas.

Aínda sen iniciar as negociacións
Aínda que non hai noticias oficiais sobre a interese do Karpin Galicia nestes corredores, non sería de estrañar que en breve comezaran as negociacións para incorporalos ao club.

Pedro Fernández Hermida (Vigo / Inmoholding – Loulé, Portugal). Corredor experimentado. Gañou hai dous anos a Volta ao Miño. Este ano gañou unha tirada da mesma proba.

Gustavo Rodríguez: (Tui / Barbot-Halcón). Moi bo escalador. Este ano foi, durante varias tiradas, líder da montaña na Volta a Portugal.

Enrique Salgueiro: (Redondela / Spiuk Estremadura). Gañador da última Volta aos Pirineos. Destaca pola súa fortaleza física aínda que é bastante irregular.

Xesús Covelo: (Vigo / CC Vigués). É un dos non profesionais máis experimentados do pelotón galego. Obtivo varias vitorias en carreiras en Galiza nesta tempada.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: