Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
GALINA NA DIADA NACIONAL DE CATALUNYA

Espazo Galego e outras entidades xuntos na V Mostra d'Entitats dels Països Catalans

Espazo Galego dos Països Catalans vén de anunciar a súa participación na Diada Nacional de Catalunya, este ano xunto con outras entidades galegas en Catalunya, todas presentes na V Mostra d'Entitats dels Països Catalans, entre elas o Foro Cívico Galego, a Furafollas Agrupación Teatral, o Proxecto Galauda, Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya e a Plataforma Nunca Máis de Catalunya. Na Mostra tamén se aproveitará para informar á sociedade catalá de iniciativas e organizacións galegas como Vieiros, A Mesa e o proxecto de Estaleiro Editora. Informa Espazo Galego.

- 20:03 09/09/2006
Tags:

Espazo Galego dos Països Catalans participa de maneira activa na Diada Nacional de Catalunya coa súa presenza e colaboración na organización da V Mostra d'Entitats dels Països Catalans. A mostra terá lugar o vindeiro luns día 11 de setembro no Passeig de Lluís Companys de Barcelona, de 10 a 21 horas.

A mostra preséntase coma "unha exposición ampla e explícita de traballos e proxectos ao redor da nación catalá". Neste sentido, dende Espazo Galego dos Països Catalans apóstase por promover a presenza das distintas entidades galegas. Este ano, xunto con Espazo Galego, estarán representadas Furafollas Agrupación Teatral, Proxecto Galauda, Foro Cívico Galego de Barcelona, a Plataforma Nunca Máis de Catalunya, Vieiros-Barcelona, Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGAC) e A Mesa pola Normalización Lingüística (Grupo Barcelona). Esta presenza comporta, ademais de achegar estes proxectos a sociedade catalá, a posibilidade de que poidan manter contactos co resto de entidades dos Països Catalans presentes.

Así mesmo, o acto quere ser un forte berro en defensa dos "dereitos e liberdades como Països Catalans" na pescuda "das súas liberdades individuais e colectivas" e tamén dar corpo aos conceptos de soberanía e Països Catalans. Os membros de Espazo Galego compartimos este obxectivo, dende a nosa consideración coma cidadáns cataláns con identidade galega, independentemente da nosa pertenza a vellos ou novos fluxos migratorios, o lugar de nacemento ou a temporalidade e motivacións da noso desprazamento.

Outro dos obxectivos que nos levan a participar na mostra é a vontade dos organizadores de "levar a rúa, expoñer e apoiar experiencias de unión e auto-organización, democracia participativa e outras experiencias destinadas á mellora da sociedade en xeral e da catalá en particular". Dende Espazo Galego vimos defendendo nos nosos principios a aposta por unha cultura do espazo colectivo, por un modelo de democracia participativa, que dea protagonismo aos individuos e ao mesmo tempo facilite a toma de decisións en grupo, e tamén artellando novas redes de comunicación e de acción con grupos e colectivos de Galiza.

A nosa participación na Diada Nacional de Catalunya non pasa unicamente por dar resposta á necesidade de buscar o encaixe do referente cultural-identitario galego na sociedade de acollida(Països Catalans), senón tamén por participar da sociedade de orixe(Galiza), da cal tamén nos sentimos parte activa. É por iso que a Mostra constitúe tamén a oportunidade para achegar a realidade política, social e cultural de Galiza aos Països Catalans. Na edición deste ano contamos coa presenza de iniciativas desenvolvidas en Galiza: o proxecto editorial de Estaleiro Editora, a A Marcha Mundial de Mulleres e A Mesa pola Normalización Lingüística.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: