O piloto Celso Míguez, que participa nas World Series by Renault, vén de anunciar o seu cambio de escudería cara o último terzo de 2006. O pontevedrés participará así nas tres carreiras de Donington, Le Mans e Cataluña baixo as cores da escudería británica Comtec Rácing. O obxectivo de Míguez para estas tres probas será "buscar a mellor clasificación para intentar estar o máis arriba posíbel na xeral", aínda así, o piloto recoñece que non lle quedan moitas opcións e quere aumentar os seus puntos "rapidamente desde a primeira carreira de Donington".
Celso Míguez debutará este sábado en Donington coa escudería Comtec Rácing nas World Series by Renault. O piloto galego cambia así de equipo para as tres últimas carreiras da temporada: Donington, Le Mans e Cataluña.
"Comtec é un equipo inglés liderado por Jonathan Lewis. Dispón dunha contrastada experiencia en certames internacionais como a Fórmula Renault 2.0 ou a Fórmula 3. É o seu primeiro ano nas World Series onde está a obter bos resultados. Son moi metódicos no seu traballo, como é norma nas infraestruturas británicas". Así define o pontevedrés o equipo co que debutará na sétima proba do ano que se desenvolverá o sábado día 9.
Míguez amósase optimista de cara a conseguir unha boa clasificación no circuíto inglés. "É unha pista moi rápida, con moitas curvas de terceira e cuarta velocidade onde a incerteza climatolóxica é constante. Ten moitos desniveis e un segundo sector rapidísimo onde se poden marcar diferenzas nos tempos por volta. Dispón tamén de curvas cegas que complican as freadas. É determinante dispor dun monoplaza que free ben, pero rápido en resposta de aceleración e cambios de dirección", comenta o galego.