Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN CONCERTO DE A QUENLLA E LORENA LORES PECHARÁ O ACTO

O Barco da Memoria fai a súa última parada en Vilagarcía

O Hidria II, o vello alxibe que convertido en Barco da Memoria leva desde o pasado 18 de xullo percorrendo vilas e localidades de toda a costa galega, finalizará este mércores a súa travesía no peirao de Vilagarcía. O acto de clausura comezará ás 17.30 horas e fará balance dos cincuenta e un días de actividades encadradas no chamado Ano da Memoria, que tenta homenaxear os represaliados durante o franquismo e sacar á luz a memoria das vítimas galegas do levantamento militar de 1936.

- 07:43 06/09/2006
Tags:

O Hidria II percorreu 18 vilas e localidades desde que o pasado 18 de xullo comezase a súa travesía, coincidindo co aniversario do alzamento militar franquista. Este mércores realiza a súa última parada no peirao de Vilagarcía.

Ás 17.30 horas, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, fará balance destes 51 días de navegación pola costa. No acto tamén intervirá Dionisio Pereira, coordinador do Barco e comisario da exposición ‘Os mártires do mar’, que se pode ver nas adegas do Hidria II.

No serán, ás 21 horas, o auditorio da vila acollerá un concerto a cargo do grupo A Quenlla e da cantante arxentino-galega Lorena Lores. O concerto contará coa presenza da conselleira, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e o alcalde de Vilagarcía, Xavier Gago.

Éxito de participación
Desde a súa singradura en Cambados, milleiros de persoas participaron nas actividades que se desenvolveron a bordo do Barco e ao seu abeiro en terra: conferencias, mesas redondas, exposicións, proxeccións de documentais audiovisuais, roteiros polos lugares da represión, concertos e homenaxes ás persoas que foron asasinadas e represaliadas polo réxime franquista.

O Barco da Memoria comezou a súa singradura en Cambados e durante un mes e medio: Moaña, San Simón, Baiona, Marín, O Grove, A Illa de Arousa, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira, Portosín, Muros, A Coruña, Mugardos, Ferrol, Cangas, Vigo, Raxó e, por último, Vilagarcía.


Ligazóns

0/5 (0 votos)