Cando a Federación Española de Ciclismo fixo pública a lista de seleccionados para os mundiais de montaña de Nova Celandia, non estaba entre eles a oleirense Eva Castro: era caro levar moita xente. Semellaba estraño, logo do bronce que apañara Castro no campionato europeo, e tendo en conta que estaba no top-ten do fourcross feminino mundial. Ao remataren os campionatos de Nova Celandia, compróbase que Eva Castro estaría en condicións de obter medalla, mentres que ningún dos seleccionados españoles se achegaron aos postos de privilexio. Só Margarita Fullana foi quinta, pero Rafael Álvarez, representante hispano no fourcross masculino, acabou de 34º .
Os campionatos de ciclismo de montaña que se desenvolveron ata esta fin de semana en Nova Celandia ofreceron un pobrísimo resultado para España. Ningún dos seus seleccionados estivo en condicións de desputar postos de honra en categoría masculina. En mulleres, a única española en Rotuora, a balear Margarita Fullana, foi quinta en fondo de montaña, algo lonxe do ouro da norueguesa Dahle Flesjaa.
Pero a selección masculina, que levaba ciclistas en todas as especialidades, foi un desastre. Despois da prohibición de competir que lle sinalaron a Xosé Antonio Hermida por estar supostamente relacionado coa operación antidopaxe Puerto, o primeiro español en fondo de montaña foi Martí Gispert (15º), mentres que Carlos Coloma foi 33º. En descenso, David Vázquez foi 15º mentres que Óscar Sáiz Castañe ocupou a posición 22º. Aínda peor resultado colleitou o respresentante española en fourcross masculino, o andaluz Rafael Álvarez de Lara, que quedou eliminado na primeira rolda, e finalizou 34º.
Eva Castro loitaría polas medallas... se a levasen
Eva Castro, a especialista oleirense en fourcross (descenso en quendas de catro), non fora seleccionada pola Federación Española e quedou en terra. O motivo para non facelo foi que había outros ciclistas con maiores posibilidades de medalla e que mandar tanta xente resultaba moi custoso. Pero á vista dos resultados do combinado español, esa decisión non parece sosterse.Protestas do Concello de Oleiros
O concelleiro de Deportes de Oleiros, o nacionalista Antón Tenreiro, sinalou o seleccionador español, Mikel Zabala, da "teimuda decisión de deixar na casa a medallista europea", mais tamén lle pediu á federación galega que presente "unha protesta formal á federación española".