Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
O BNG DI QUE O ALCALDE FAI CAMPAÑA "CON CARTOS PÚBLICOS"

Denuncian que Orozco gastou en propaganda "un millón de euros"

"Con encargos coma este Orozco pretende vender con toneladas de márketing e publicidade todo aquilo que non fixo". Así se refería este xoves o voceiro municipal do BNG, Xosé Anxo Lage, ao alcalde lugués, Xosé Clemente López Orozco, ao fío da contratación hai poucos días por parte do goberno local dun "balance propagandístico das actuacións levadas a cabo na concellaría de Cultura e Turismo" cun custo de 12 mil euros. Segundo os nacionalistas, o goberno socialista na cidade gastou desde 2003 "un millón de euros en publicidade".

- 06:30 18/08/2006
Tags:

"Este encargo partidista vai ser pagado cos cartos do Conecllo, é dicir, de todos os cidadáns", queixábase Xosé Anxo Lage este xoves, acusando ao alcalde de usar cartos públicos "para financiar a súa campaña electoral. Os nacionalistas lembran que a suma dun millón de euros "supera o orzamento adicado á mellora dos centros sociais".

"A falta de realidades, a política de Orozco consiste nun despregue propagandístico constante", din desde o grupo municipal do BNG. Ao fío do proxecto recentemente enviado á mesa de contratación pola tenente de alcalde luguesa, Concepción Burgo, revelan desde o Bloque que se presenta textualmente como "un proxecto para presentar o modelo de xestión do Concello de Lugo mostrando, non só as actuacións levadas a cabo, senón a xestión eficiente dos recursos asignados, poñendo en valor as actuacións do Concello". Láianse os nacionalistas de que isto "explica ben ás claras a intención propagandística do goberno municipal" e ironizan preguntándolle ao equipo de goberno se vai incluír no balanzo "datos como encarecemento da xestión,ao ter multiplicado por seis o goberno de maioría absoluta de Orozco o gasto en dedicacións exclusivas e persoal de confianza, ou a paralización de proxectos, posto que a día de hoxe, con tres anos de mandato transcorridos, Orozco non ten nada que inaugurar".

Criticando que desde 2003 ese tipo de gastos suman xa preto dun millón de euros, o BNG solicita que "non se desbalden estas inxentes cantidades de cartos públicos en marketing e autobombo cando en Lugo hai moitas necesidades básicas por cubrir". Lage pídelle así a Orozco "máis investimento social e menos propaganda" e lémbralle que "con ese millón de euros podería terse posto en marcha unha auténtica rede de centros de día nas parroquias para atender a demanda da poboación maior da zona rural do concello".


0/5 (0 votos)