O Deportivo está a vivir unha pretempada atípica. Despois de realizar o stage con todos os descartados (en contra dos desexos de Caparrós), logo da novela Munitis-Aouate e coa sombra dunha denuncia ante a AFE por parte de Tristán e Acuña, o martes foi a presenza de Scaloni en Abegondo o que fixo estoupar ao técnico deportivista. Sen previo aviso e con parte do cadro de xogadores no vestiario, Caparrós suspendeu o adestramento sen dar máis explicacións. Todas as miradas apuntaron á presenza do ex capitán arxentino como causante do desplante do adestrador e incluso a Radio Galega chegou a afirmar que o técnico presentara a súa dimisión. Á noite, en rolda de prensa, Caparrós asegurou que a súa decisión respondía á "carga de traballo" coa que contaba o cadro de xogadores e negou ter presentado a súa dimisión.
Lionel Scaloni presentouse o martes en Abegondo como un empregado máis disposto a realizar o seu traballo. O presenza do arxentino, descartado por Caparrós, foi a gota que colmou o vaso da paciencia do técnico branquiazul. Así, a primeira hora da mañá, Joaquín Caparrós suspendeu o adestramento matutino sen previo aviso. Aínda que o andaluz non o recoñeceu, este xesto foi entendido en Coruña como un xeito de tensar a corda ante os continuos problemas cos que o técnico se atopou nesta pretempada.
Finalmente o adestramento realizouse á tarde, iso si, en presenza dun notario e do asesor xurídico do Deportivo. A asistencia do letrado en Abegondo parece responder a necesidade do club de demostrar que os descartes non están marxinados do resto do grupo. Foi precisamente nese adestramento cando Tristán e Acuña participaron por fin como dous xogadores máis, logo de estar semanas adestrando por separado. Os dous xogadores xa ameazaran con denunciar o Deportivo ante a AFE por esta situación.
Pola noite, Caparrós ofreceu unha rolda de prensa na que sinalou á "carga de traballo" como o motivo polo que suspendeu o adestramento. O técnico negou tamén ter presentado a súa dimisión, tal e como anunciou a Radio Galega na tarde do martes. Aínda así, case ninguén creu as explicacións de Caparrós, que transmitiu a sensación de querer maquillar o seu desplante matutino.
Pola súa parte, Scaloni asegurou que a súa presenza na mañá do martes en Abegondo respondía a súa necesidade de non perder a forma ante posíbeis ofertas de outros clubs e sinalou que a súa saída do Deportivo pasa por que o club lle pagase o que lle debe.