A ciclista oleirense do SCR, Eva Castro, acadou esta fin de semana en Stollberg (Alemaña) a medalla de bronce no campionato de Europa de BTT na modalidade de descenso a catro (fourcross). Castro acabou terceira e incluso puido levar a prata pero non arriscou a caída. A corredora, que participou por libre neste campionato logo de non contar co apoio da Federación española, espera que este terceiro posto lle permita participar no próximo mundial de Nova Celandia.
Eva Castro acadou esta fin de semana a medalla de bronce no campionato de Europa de ciclismo de montaña na modalidade de descenso a catro (catro corredoras baixan á vez por un circuíto de descenso, corto e con saltos e peraltes, similar a un de BMX).
A ciclista de Oleiros realizou o terceiro mellor tempo nas probas clasificatorias, o que lle permitiu elixir carril para realizar o descenso. Logo de gañar dúas mangas, na proba final Castro loitou por manter a terceira posición duramente na primeira recta, nun trazado longo e moi técnico. Unha vez asegurado o bronce, a corredora galega valorou a posibilidade de adiantar a austríaca Anita Molcik e, aínda que tivo a oportunidade nun par de curvas, preferiu non arriscar e manter o terceiro posto.
Este é o resultado máis importante do ciclismo feminino galego en toda a historia. O ouro foi finalmente para a neerlandesa Anneke Beerten (resultados completos).
A ciclista do SCR de Oleiros asegurou estar moi contenta pola medalla conseguida xa que é o seu primeiro título internacional, e xa que se converte na primeira ciclista española, tanto en categoría masculina como en feminina, en acadar un metal na modalidade de descenso a catro. "Espero que esta medalla sirva para chamar un pouco a atención sobre o fourcross" comenta Castro que tivo que participar por libre neste europeo ante a falta de apoio da federación española.
Co bronce na man, Castro non quixo esquecer as persoas e institucións que lle brindaron o seu apoio e que fixeron posíbel a medalla: "quedaríamos sen tempo se comezase a citar os meus patrocinadores" asegura. A ciclista agradeceu efusivamente os parabéns recibidos vía sms por parte de familiares e amigos, así coma o labor desenvolvido polo concelleiro de deportes de Oleiros, Antón Tenreiro. O director xeral para o Deporte, Santi Domínguez tamén felicitou a Eva pola súa actuación en Alemaña.
Aínda así, o metal de Castro ten unha dedicatoria especial para a súa amiga chilena e tamén corredora Bernadita Pizarro que sufriu un grave accidente a semana pasada. "Espero que se recupere canto antes e que non sexa tan grave como teño entendido".
Participación no mundial
Eva Castro está xa a pensar na última proba da Copa do Mundo que se celebrará en Austria en setembro. Aínda así, a ciclista non perde a esperanza de que esta semana reciba a chamada do seleccionador estatal para participar no mundial que se celebra a finais de agosto en Nova Celandia. "É complicado porque a federación conta cun orzamento moi limitado para a súa participación no mundial. De todos os xeitos e aínda que é moi improbábel, non descarto que o bronce obtido esta fin de semana sirva para que na federación aposten por min" asegura Castro.