A Consellaría de Cultura e Deporte está a preparar a incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de sitio histórico, a casa familiar de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, na Rúa de Abaixo de Rianxo. Así o anunciou en rolda de prensa a conselleira Ánxela Bugallo, que explicou que con esta medida preténdese evitar calquera tipo de agresión a este ben, xa que estamos a falar do máximo nivel de protección dun ben cultural que permite a lexislación galega. Esta declaración permitirá non só unha mellor conservación da Casa de Castelao, segundo a responsable de Cultura, "senón tamén a súa maior promoción, difusión e coñecemento, o que servirá para a axeitada transmisión do legado deste político, artista e polígrafo galego".
Bugallo explicou que "unha vez recibidos os datos e documentos achegados polo Concello de Rianxo e pola Fundación Castelao, os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural están a elaborar agora toda a documentación necesaria, tanto escrita como gráfica, para a súa correcta tramitación, que inclúe a recepción de informes, entre eles o da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Coruña".
Entre as consecuencias desta declaración, está a obriga de pedir permiso a Patrimonio para calquera tipo de obra a realizar no inmoble e tamén os propietarios han de establecer un réxime de visitas dun mínimo de catro días ao mes. Ademais, os BIC xeran beneficios fiscais e son obxecto de axudas públicas.
Os trámites que se deberán seguir a partir de agora para acadar a declaración son longos. En setembro iniciarase a fase de incoación, logo a de instrución e finalmente a fase de declaración. O expediente de declaración deberá concluírse no prazo máximo de 20 meses a contar desde a data en que foi incoado.