A localidade asturiana de Castrillón será o escenario da estrea da selección galega de billarda. O complexo deportivo de Pillarno, con capacidade para ata 3.000 afeccionados, acollerá o tan agardado encontro entre Galiza e Asturias. Os analistas galegos deste deporte non se fían da selección asturiana xa que, aínda que non ten unha competición regular, dous dos seus paladores titulares militan en franquías da LNB. A liga galega organizará un "importante continxente de apoio aos milicianos do palán" co fin de contrarrestar o factor cancha co que contan os asturianos.
Logo das estreas das seleccións galegas de fútbol, triatlón, básquet ou tenis de mesa, tócalle a vez á de billarda. Aínda sen data confirmada, xa se coñece o lugar onde se desputará o primeiro encontro do combinado galego que terá en fronte á selección asturiana. Será o complexo deportivo de Pillarno, no concello de Castrillón, un espectacular marco que pode acoller ata 3000 afeccionados.
Malia que Galiza é unha auténtica potencia neste deporte, que ninguén pense que o partido fronte a Asturias vai ser doado. A selección asturiana non mantén unha competición regular, pero dous dos seus paladores titulares militan en equipos da liga galega. Recentemente crearon a Liga Nacional de Lirio, que lles serve de plataforma para organizar as súas series e para preparar unha selección competitiva ao cento por cento.
Os asturianos contan coa gran baza de xogaren na casa, polo que desde a LNB se asegura que vai ser moi importante o apoio dos centos de afeccionados galegos que acompañen á selección neste histórico enfrontamento. É por iso polo que desde O Varal xa anunciou que organizará un "importante continxente de apoio aos milicianos do palán".