Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
70 CABODANO DO GOLPE MILITAR DO 36

'O barco da memoria', manifesto de Manuel Rivas na botadura do Hidria II

Os barcos que partiron da costa galega nos tempos posteriores ao golpe fascista do 18 de xullo levaban xente cun destino gravado na íntima bitácora: volver. Non habería que falar en realidade de fugas, senón dunha epopeia de salvación. Eran barcos que zafaban dunha morte segura, da cacería humana desatada en terra. Xunto coas vidas a salvar, aqueles barcos levaban un transporte valiosísimo, un tesouro laboriosamente labrado durante moitos anos, unha obra transmitida e continuada de xeración en xeración de loitadores: a consecución das liberdades e os dereitos humanos, a procura dun habitat democrático que dera un xiro copernicano á historia, que cambiara o signo fatal de séculos de dominación reaccionaria e escurantista. E tamén, dende diferentes ópticas, tomaba corpo a reivindicación dun autogoberno, o que os librepensadores republicanos e galeguistas denominaban "a redención da Nosa Terra". Todo iso ía neses barcos. Moitos deses refuxiados a quen o mar deu amparo in extremis foran protagonistas de episodios heroicos de resistencia, loitaran a peito descuberto, desvalidos na práctica fronte a maquinaria pesada do armamento ao servizo da barbarie.

- 17:29 18/07/2006
Tags:

Non esquezamos nunca que o que trouxo aquel golpe, o fascismo español, foi un réxime ilexítimo, un estado de excepción permanente, de guerra manifesta ou encuberta contra a propia poboación, prolongada durante medio século. Aqueles "imperialistas fracasados", como lles chamou Castelao, adestrados na guerra colonial, dirixiron o punto de mira das súas armas cara ao propio país para conquistalo e coa confesa intención de "aniquilar a media España" se for preciso para arrincar de raíz a memoria da liberdade. Non esquezamos nunca que aquel golpe, e polo tanto o réxime que instaurou, foi un acto de alta traizón. Entre os primeiros asasinados en Galicia polos golpistas atopábanse os gobernadores civís das catro provincias e os principais alcaldes e representantes do pobo, mais tamén os primeiros mandos militares, que podemos encarnar na figura exemplar do xeneral gobernador militar Caridad Pita, que morreu berrando "Viva a República!" diante do pelotón de fusilamento. Non esquezamos nunca que o propósito do golpe e o réxime de terror que lle seguiu tiña por obxecto, como recollen as instrucións dos golpistas, decimar a poboación republicana, eliminar ás persoas que se significaran polos seus ideais democráticos e liberadores, o que os represores denominaban como decisiva proba acusatoria "o ter ideas avanzadas". Así, nesa cacería humana que foi a guerra en Galicia, actuaron con especial asañamento contra traballadores e campesiños afiliados a sindicatos, ateneos ou organizacións solidarias, e cos homes e mulleres que exercían o maxisterio e eran vistas como as luces da República. Non esquezamos nunca que as dimensións da represión, continuada de xeito inmisericorde despois da guerra, co seu ronsel de execucións, campos de concentración e exilio, permítenos falar, na súa escala, dun "holocausto español", pois había unha clara vontade e unha arañeira de procedementos especiais para eliminar a poboación "desafecta" co fascismo. Non esquezamos nunca que o denominado alzamento militar do 18 de xullo, ese acto de alta traizón, foi parte dunha conspiración entrenzada dende o comezo do réxime democrático do 14 de abril de 1931 e que os seus protagonistas contaron sempre coa complicidade e apoio do fascismo italiano e do nazismo alemán, de Mussolini e Hitler. Non esquezamos endexamais que a resistencia que o pobo presentou foi un exemplo que conmoveu o mundo. Así que non se trata soamente de condenar o fascismo, a destrución da legalidade democrática republicana e a dictadura que estragou a vida de xeracións, senón tamén de facer a elemental xustiza de repoñer a verdade, de dar a coñecer a épica democrática, de liberar a Historia das mans dos "secuestradores do pasado", e sobre todo de devolver á luz, ao lugar da honra colectiva, os nomes espoliados, os de aqueles que sendo o mellor da humanidade foron tratados como alimarias.

Volven os nomes. Cada un deles ten a forma dunha barca, a caligrafía dun ronsel na ardora.

Ao longo da historia, o mar foi para nós o primeiro dos camiños. O camiño do sustento, a xenerosa despensa. O camiño da emigración e do comercio. O camiño das ideas e das innovacións culturais. Podemos dicir que Galicia nunca estivo rodeada polo mar, senón arrolada polo mar, liberada polos camiños e eidos do mar. O mar, nos tempos escuros, estivo estreitamente vixiado. O mar sempre foi tratado como un sospeitoso. O retrouso do mar, a súa linguaxe secreta, é un convite sempre a recomezar. A arquitectura máis fermosa creada polo ser humano é a dos barcos. Esa é tamén a forma que adoita ter a memoria cando quere avanzar, cando a memoria se sitúa no chamado "círculo de iluminación", visíbeis como astros os soños compartidos, e pon rumbo a esperanza.

Si. Volven os barcos. Volven os compañeiros, Liberdade!


5/5 (1 votos)