Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APROBAN QUINTANA E TOURIÑO, MENTRES QUE NÚÑEZ FEIJOO SUSPENDE

Un 56 por cento dos galegos valora positivamente a actuación do Goberno da Xunta

Os galegos aproban a xestión que realizou o Goberno nos meses de xuño e xullo e danlle tamén o visto bo aos dous líderes políticos do bipartito, mentres que suspenden ao máximo representante da oposición, Alberte Núñez Feijoo. Aínda así, o estudo realizado pola Xunta revela que o PP segue a ser o partido máis votado.

- 16:48 18/07/2006
Tags:

Os datos presentounos este martes o secretario xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero, e corresponden ao Estudo Piloto sobre o Clima Social en Galicia realizado entre os meses xuño e xullo de 2006. Ademais de que un 56.3 por cento dos enquisados aprobase a actuación do Executivo, a política galega foi ben considerada por un 30 por cento da poboación participante no traballo, frente a un 17 que a valorou negativamente.

A cifra de enquisados que se amosaron conformes coa política galega supera en case seis puntos á dos que aproban a actuación do goberno de España, un 50.8%. A idea de estabilidade reflectiuse tamén na valoración da situación política de Galiza, considerada como boa por case un 30 por cento dos participantes neste estudo fronte o 17 por cento que a considera mala. Estes datos tamén difiren dos acadados en referencia ao Goberno de España, que foi ben valorado por un 23.7 por cento dos galegos entrevistados, mentres que un 20.5 por cento cre que é mala.

Do mesmo xeito, no estudo inclúense datos sobre a media da valoración dos líderes políticos. Estas cifras outorgan ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, 5.94 puntos, mentres que o vicepresidente, Anxo Quintana, acadou un 5.43. No que respecta ao líder da oposición, Alberte Núñez Feijoo, os enquisados outorgáronlle 4.59 puntos.A Secretaría Xeral de Análise afirma non ter realizado unha estimación de voto nesta enquisa. Aínda así, Rivera sinalou que, "hoxe o Partido Popular seguiría a ser o máis votado" polos galegos.


0/5 (0 votos)