O programa de extensión da banda larga a zonas rurais e ailladas, promovido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, fixo chegar a internet de alta velocidade a 265 parroquias e lugares de 111 concellos galegos, segundo o balance elaborado a 30 de xuño e agora publicado. O programa, de carácter estatal, concede axudas ás operadoras, que no caso galego só están representadas por Telefónica, para que implanten o servizo de banda larga en zonas rurais e afastadas. Establece unhas limitacións nos prezos de 39 euros pola alta do contrato e outros 39 de mensualidade máxima nos tres primeiros anos de contrato. No mesmo balance do mes de xuño explícase que o programa atinxiu as 1.700 localidades nas 11 comunidades autónomas nas que se está a aplicar.
Segundo os indicadores aportados pola empresa pública Red.es, o 22,5% dos fogares españois contan cunha conexión a internet de banda larga, sendo estes o 66,2% das moradas conectadas a internet. Máis do 30% dos lugares nos que se está a aplicar o programa de internet rural acceden por vez primeira a este servizo, que segue contando cun atraso considerábel tendo en conta que a maior parte dos accesos con banda larga se contratan nas cidades.
O proxecto, que se puxo en marcha a finais de 2005, vaise desenvolver ate outubro de 2008. En Galiza hai convocadas concesións para as comarcas da Terra Cha e de Foz, que contarían co mesmo prazo de execución.
O programa, encadrado noutro da FEDER denominado 'Sociedade da Información', cobre as comunidades autónomas que o organismo europeo considera prioritarias polo seu especial atraso. O obxectivo e garantir o acceso de toda a poboación en igualdade de condicións aos servizos de banda larga.
Anteriores: