Este xoves bota a andar unha nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Así, dende hoxe e ata o domingo a vila encherase de visitantes dispostos a vibrar coas diferentes propostas que conforman o cartel deste ano. Como novidade, a xornada inaugural estará integramente dedicada á danza, coas actuacións de Nova Galega de Danza, o grupo folclórico Lous Tchancayres, a Dominic Graham School of Irish Dance e os locais Gamelas e Anduriñas. A música, exposicións, conferencias, obradoiros e moita xoldra son só algúns dos ingredientes que completan o programa do Festival 2006.
O Escenario Estrella do Festival de Ortigueira cobrará vida, un ano máis, a partir das 22:00 horas desta noite. Estará sobre el, para abrir a XXII edición do certame, a agrupación cultural Gamelas e Anduriñas, de Espasante. Seguiranlle nesta xornada inaugural dedicada á danza o Grupo folclórico Lous Thancayres das Landas, a Dominic Graham School of Irish dance, e Nova Galega de Danza, co seu espectáculo Engado, Ilusionistas de a pé.
Con todo, os que decidan achegarse pola vila con tempo poderán visitar dende a tardiña a exposición Lugar de orixe, de Gabriel Tizón. Situada na praza de Isabel II recolle algúns dos mellores momentos do Festival 2005 vistos a través do lente do recoñecido fotoxornalista. Xa ás 21:00 horas, terá lugar a inauguración oficial do muíño de vento do Campo da Torre, recentemente rehabilitado.