O macizo de Trevinca é o punto onde se atopan os cumios máis elevados de Galiza, sendo o de Pena Trevinca o de maior altitude cos seus 2.124 m. A zona onde se levantaría a estación de esquí, na confluencia das provincias de Ourense e Zamora, é unha zona de singular valor ambiental. O macizo abrangue varios espazos naturais que suman unha superficie de 28.678 ha., das cales 24.860 forman o espazo integrado na rede Natura 2000. A inclusión de Pena Trevinca como espazo integrador desta rede débese á posesión dunha gran riqueza botánica e que na fauna contabilízanse 162 especies de vertebrados, aves na súa maioría. Existen tamén especies características de zonas de montaña.
En abril de 2002 iniciouse a elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de Pena Trevinca que debería obedecer á Lei 9/2001 de Galiza, do 21 de agosto, de conservación da natureza e a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e da fauna silvestres, recollen o principio da utilización ordenada dos recursos, garantindo o aproveitamento sostido dos ecosistemas.
O proxecto non se pode levar a cabo sen provocar importantes afeccións ambientais: fraxilidade dos hábitats e dos ecosistemas da zona que foron, precisamente, os que motivaron a súa protección legal.
"Consideramos que a grave afección ambiental que provocaría a estación de montaña en Pena Trevinca, nunha zona xa de por si degradada polas pizarreiras e pola proliferación de aeroxeneradores polo macizo, non xustifica un proxecto que amosa eivas ao referente á viabilidade económica do mesmo e polo tanto, non parece sustentarse nunha base que xustifique ou que garanta a necesidade da construción da estación como abastecemento económico da zona"
Amigos da Terra ve neste caso un proxecto inviable desde o punto de vista medio ambiental e, sobre todo, desde o punto de vista do Dereito comunitario que prevé que nos lugares incluídos na Rede Natura 2000 non se poden realizar proxectos que afecten a hábitats e especies prioritarios, salvo que teñan relación directa coa saúde humana e a seguridade pública, tal e como recolle o artigo 6º da Directiva 92/43, Directiva de Hábitats.
Desde Amigos da Terra se pide a declaración da zona como Parque Natural como resposta a criterios de interese xeral e como obtención de seguridade xurídica o que supón a protección legal correspondente constituíndo un legado para futuras xeracións.
A asociación ecoloxista cre no desenvolvemento dun turismo sostible en zonas deprimidas como Trevinca como unha fonte de ingresos anual para a poboación, con beneficios para toda ela e independente da climatoloxía estacional.
O ecoturismo é unha actividade económica asequible para todo o mundo. Supón unha inversión pequena e de escasos riscos, ao tempo que pode contribuír ao desenvolvemento social en termos de igualdade ademáis de colaborar coa promoción dos valores naturais da zona.
Esta podería ser unha alternativa viable económica e ambientalmente.