O Camiño Primitivo, e do Norte, de Santiago, sería o candidato máis probábel a enriquecer a lista da Unesco para a declaración de Patrimonio da Humanidade, e goberno galego e asturiano turrarán conxuntamente para a que así sexa. A proposta desde Galiza incluirá tamén desta volta a Torre de Hércules e o Ferrol da Ilustración como merecedores dese recoñecemento internacional. Xa incluídos como precandidatos estaban a Ribeira Sacra e as Brañas dos Ancares.
Na medida en que só implicaría a ampliación da xa existente declaración de Patrimonio da Humanidade do chamado Camiño Francés, incluído na categoría de itinerario cultural, o Camiño Primitivo é a precandidatura máis probábel a converterse en candidatura definitiva co aval do goberno estatal para a obtención desa distintición da Unesco. Con todo, desde a consellaría de Cultura e Deporte, turraron no recente Consello do Patrimonio Histórico Español, celebrado a finais de xuño en Pamplona, para que o ministerio aceptase na lista tamén as outras dúas propostas.
Dunha banda, o Ferrol da Ilustración, como conxunto histórico que incluiría as fortificacións militares dos castelos da Palma e San Felipe, o Arsenal e o barrio da Magdalena. Por outro lado, a Torre de Hércules, único faro romano conservado case integramente e reformado ademais na época da Ilustración. Na chamada "Lista Indicativa A" de propostas de Patrimonio, aparecían xa a Ribeira Sacra de Ourense e Lugo, e as Brañas dos Ancares, entre Galiza e León, na categoría de paisaxes culturais. Ao respecto do Camiño Primitivo, haberá unha xuntanza Galiza-Asturias no Porto do Acebo, en Grandas de Salime, o próximo 6 de xullo, para a súa promoción.