A selección galega de básquet superou a Xapón no partido desputado este mércores no Pavillón Municipal de Lugo. O combinado galego acadou así o triunfo neste, o seu primeiro partido oficial. O resultado final foi de 63-58, porén, o electrónico non reflectiu a clara superioridade do equipo galego que foi por diante no marcador durante todo o encontro. Tanto os xogadores como o adestrador, Quino Salvo, agradeceron o gran ambiente que se viviu no cancha lucense. Os máis de dous mil espectadores que encheron o Pavillón Municipal non deixaron de animar en ningún momento e vibraron coas canastras que fixeron que a selección galega de básquet conte xa cunha vitoria no seu palmarés.
Xulio González, Sony Vázquez, Lucho Fernández, Manuel Gómez e Javi Rodríguez. Estes son os xogadores que pasarán á historia como integrantes do primeiro quintento inicial da selección galega de básquet. O contexto non podía ser mellor para a estrea do combinado: un pavillón practicamente cheo, unha afección que non deixou de animar ao equipo durante todo o encontro, persoeiros na bancada, tensión na cancha co protocolo dos himnos... Galiza viviu a festa do seu básquet.
Os afeccionados de Lugo cumpriron coa súa parte e os xogadores non quixeron ser menos. Así os once homes que formaron a selección galega non acusaron a baixa a última hora de Fran Vázquez e dominaron o encontro desde o primeiro minuto.
O ala de Los Barrios, Xulio González, controlou os tempos do xogo a perfección e destacou en todas as facetas do xogo, converténdose no máximo anotador do conxunto galego con 14 puntos. Malia só ter un adestramento realizado, a selección galega amosou sobre a cancha unha seriedade táctica e defensiva propia dun conxunto xa empacado. Así, Galiza mudaba a defensa en zona coa presión a todo campo facendo que os xaponeses non se atopasen cómodos en ningún momento do partido. Mentres, no ataque, os pivotes Esmorís, Fernández e Antelo aproveitaron a diferenza de altura e xogaron con comodidade baixo o aro anotando 10, 8 e 9 puntos respectivamente.
Tensión no derradeiro cuarto
O equipo nipón atopou punto débil da selección galega nos ataques estáticos e no tiro exterior. Deste xeito, os xaponeses lograron non descolgarse en ningún momento do marcador grazas ao seu acerto nos lanzamentos de tres puntos. Foi precisamente no último cuarto cando os asiáticos amosaron a súa superioridade física facendo que a bancada temese polo triunfo a só falta de 32 segundos para o final co 59-58.
O equipo galego, sen acerto ata o momento nas triplas, anotou por segunda vez desde os 6,25 no momento máis decisivo. Foi Lino López, que tamén completou un sensacional partido, quen a falta de 10 segundo para o final, e coa posibilidade de deixarlle a última posesión aos nipóns, anotou a tripla definitiva. A canastra sentenciaba o encontro e foi celebrada con xúbilo por toda a bancada luguesa.
Ao remate do encontro xogadores e técnicos do equipo galego saudaron efusivamente desde o centro da cancha aos máis de dous mil espectadores que se deron cita no Pavillón Municipal de Lugo agradecendo así os ánimos recibidos durante todo o partido.
Os números
As primeiras estatísticas da selección galega deixan a Xulio González como máximo anotador do equipo con 14 puntos. O resto dos anotadores foron Koke Rama (7), Lucho Fernández (8), Xosé Antelo (9), Xabier Román (5), Esmorís (10), Rubén Fernández (3), Lino López (5) e Javi Rodríguez (2). Sony Vázquez e Manuel Gómez non anotaron pero destacaron na faceta reboteadora.