Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NON SE PODERÁ AMPLIAR O SINAL CARA ESTAS ZONAS

Solicitan que a TVG inclúa contidos vinculados ás comarcas limítrofes co país

Nunha das comisións parlamentarias celebradas hoxe, o deputado do BNG Bieito Lobeira pediu que a radio e a televisión galegas incorporasen informacións ou contidos de interese para as comarcas que se atopan fóra da Comunidade Autónoma aínda que empregan o mesmo idioma, o galego. Segundo Lobeira, non se trata de invasión ningunha xa que, segundo dixo, "foron varias as persoas que solicitaron públicamente este servizo".

- 15:16 28/06/2006
Tags:

Esta reivindicación partiu do que recolle o Plano de Normalización Lingüística no que se establece o papel dos medios de comunicación de titularidade pública a prol destes territorios (Eo-Navia, As Portelas de Seabra, o Bierzo e Val de Ellas). Nas zonas referidas seguen a existir poboacións galagofalantes que, en moitos casos, segundo Lobeira, teñen solicitado publicamente poder sintonizaren a Televisión de Galiza.

Debido a esta demanda, o parlamentar nacionalista afirmou que a inclusión na grella da TVG de contidos referidos a eles reforzaría o vínculo entre estes territorios e o país. Ao debate da comisión parlametnaria celebrado hoxe tamén asistiu o director xeral da Galega, Benigno Sánchez, que falou obre a posibilidade de amplificar o sinal para que estas zonas gozaran dunha mellor calidade na recepción dos contidos. Porén, o máximo responsábel da canle afirmou que esta ampliación "non é posíbel debido ao marco lexislativo actual" que regula a compañía pública de radio-televisión. Apesar de non poder conseguir levar adiante esta iniciativa, Lobeira valorou a sensibilidade amosada polo director xeral da CRTVG.

Nun intento de xustificar e dar conta dos intereses desta proposta de ampliación de contidos cara os territorios próximos, o parlamentar puxo de exemplo os territorios de Cantabria nos que se recibe o sinal da ETB ou os de Galiza nos que se escoitan e ven as emisoras e canles portuguesas, "sen que exista ningún risco de invasión por parte de Euskadi ou Portugal", dixo, en resposta ás acusacións do Partido Popular de que con este tipo de iniciativas o BNG agocha intencións "anexionistas". A este respecto, Lobeira afirmou que 800 dos socios do Xabarín Club veñen do Bierzo e que a iniciativa ten un carácter recíproco, non unidireccional desde a Galiza.


0/5 (0 votos)