Xabier González, presidente do Consello da formación, e Manoel Soto, secretario xeral, levaron a posición do Partido Galeguista, este mércores á comisión estatutaria, proposta articulada que ademais conta cunha web onde pode navegarse en detalle. Destacou da intervención de Soto, concelleiro en Vigo, que aínda pronunciárense a prol dunha organización administrativa en base ás comarcas pedise a creación da "provincia de Vigo con capital na cidade de Vigo", mentres siga existindo a organización provincial. Ao tempo, propoñen que o goberno galego coordine as actuacións das deputacións até que se introduza o modelo comarcal.
"O Reino de Galicia é unha nación cunha Identidade Nacional Histórica con séculos de vixencia que conxuga a indiscutible Identidade Territorial, Política, Cultural e Lingüística da Galicia, na península Ibérica e na Europa, coa Identidade Social de varios millóns de Galegos e Galegas que, independentemente da nacionalidade administrativa que figure no noso pasaporte, estamos presentes en varios países e territorios do mundo". Velaí a introdución proposta polo Partido Galeguista, defendida na comisión parlamentaria polo presidente do seu Consello, Xabier González, quen argumentou "a autoridade moral de 75 anos de historia do partido" e defendeu que é o único que "participou no proceso de elaboración de todos os estatutos até agora".
"Galiza non vai ben porque non está ben organizada", comentou a continuación Manoel Soto, secretario xeral do partido, en defensa de que Vigo sexa declarada provincia até que non se decida a eliminación desa forma de organización en favor das comarcas, propoñendo ademais que outras zonas do país poidan solicitar esa entidade provincial propia. Entre as iniciativas do PG destaca tamén a proposta de creación dun Instituto Castelao, que "asuma o deber de promocionar o emprego e ensino da lingua galega" e dun Instituto de Cooperación Galaico-Portuguesa.