Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESPUTA POLAS CIFRAS DE AUDIENCIA E OS INGRESOS PUBLICITARIOS

A CRTVG di que os ataques do PPdeG se basean en "inexactitudes e falsedades"

En pleno mes de mundial de fútbol e con novas canles na grella competindo polas audiencias, desde a dirección da CRTVG veñen de responderlle ao PPdeG que os ingresos publicitarios do ente non caeron, ao tempo que ironizan coa preocupación dos populares polas contas "cando este partido tiña os medios públicos de comunicación en situación de creba técnica e cunha débeda acumulada de 91 millóns de euros". Desde o PPdeG aseguraban este domingo que a perda de audiencia da TVG causara unha caída de ingresos do 15% entre xaneiro e xuño. De paso, criticaban que o novo programa Somos unha Potenzia, "foi o pasado luns un constante ataque ao PP e unha exaltación da figura de José Blanco, convidado no programa".

- 08:18 26/06/2006
Tags:

"Está chea de inexactitudes e falsedades". Así cualifican desde a dirección da CRTVG a nota difundida polo PpdeG, na que se refiren entre outros aos ingresos publicitarios que tivo o ente público este ano. "Tampouco se axustan á realidade as cifras de audiencia difundidas", lembran, remitíndose ademais ás propias declaracións no Parlamento do director xeral da CRTVG e indicando que "unha vez máis, o PPdeG confunde a parte co todo, elevando a anécdota a categoría de noticia" e poñendo o exemplo do 2% atribuído ao Telexornal Noite, "un espazo que aumentou a audiencia notablemente respecto dos últimos anos".

Aseguran que os populares tamén faltan á verdade cando din que a Radio Galega caeu en audiencia, xa que os populares falan da caída de audiencia na terceira enquisa do Estudo Xeral de Medios, mentres que no acumulado desde comezos de ano vense "os mellores resultados de audiencia de toda a historia da emisora autonómica". Ao tempo, recórdanlle ao PP que a comparativa de ingresos publicitarios respecto a 2005 esquece subliñar que ese foi ano electoral en Galiza. A CRTVG considera que "unha vez máis, as críticas do PPdeG só pretenden presionar aos profesionais e desacreditar os medios públicos de comunicación de Galiza, que están a traballar coa liberdade e profesionalidade que sempre os deberan acompañar".

A avaliación do PPdeG: "deriva partidista coa nova dirección"
"A deriva partidista que tomou a TVG coa chegada da nova dirección estase a pagar. Non é normal nunha empresa de comunicación unha caída tan grande da publicidade, malia encontrármonos nunha situación económica boa, que ten o seu reflexo no sector publicitario", din os populares, relacionando esas cifras coa "imparábel perda de audiencia, que se agrava cada mes que pasa" e citando que no que vai de mes de xuño, a audiencia media da TVG "non chega ao 12%", sete puntos menos que en xuño do ano pasado.

Ao fío, o PPdeG carga contra o programa "Somos unha Potenzia", dirixido e presentado por Carlos Blanco, ao que definen coma "exemplo da constante manipulación e sectarismo da nova programación". Aproveitando que na súa segunda emisión o programa levou como convidado ao secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, acúsano de ser ese día "un constante ataque ao PP e a exaltación e gabanza do dirixente socialista nunca vistos nunha canle pública de televisión respecto a ningún político". "Foi tal extremo de agasallo co dirixente socialista e o seu partido que se chegou a dicir que o nome de Potenzia leva un P e un Z: é dicir, ZP", puntualizan os populares. Á beira, os populares opinan que "a baixa calidade do programa, a súa falta de neutralidade, e o interese da personaxe veu certificado pola audiencia: no seu conxunto foi do 5.7% e na media hora de culto a Blanco non chegou ao 5%".


Ligazóns

0/5 (0 votos)