O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou hoxe a necesidade de "termos unha Policía Autonómica Galega, xa que é indispensable para facer país e sobre todo para tratar con eficacia temas como a seguridade en xeral". En concreto referiuse á seguridade viaria. Ademais subliñou que ,para a creación deste corpo policial, "non é necesario esperar á reforma do Estatuto de Galiza".
Estas declaracións realizounas Quintana no discurso do acto de inauguración da Xornada sobre a Policía Autónoma Galega "Máis competencias + Policía", que se celebra este venres no Centro Cultural da Deputación Provincial de Ourense. No que se refire á utilidade do corpo estatal de seguridade, o vicepresidente dixo que "o actual modelo de adscrición dunha unidade da Policía Nacional é "claramente insuficiente", se ben esta policía galega mantería cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado unha relación baseada nos principios de coordinación e cooperación, co obxectivo de artellar un modelo policial eficiente para a comunidade galega, dixo.
Ademais, o titular de vicepresidencia evidenciou a necesidade da posta en marcha da Policía Autonómica Galega, mais explicou que esta debería vir acompañada do traspaso dos medios servizos e efectivos que actualmente desempeñan as funcións de seguridade e a forza pública, e con aqueles outros que se estimen precisos para a creación deste corpo policial. Para o que Quintana reclamou o traspaso das competencias que lle transferirían así á Policía Autonómica Galega a capacidade para actuar de xeito integral en materia de seguridade e tráfico.
Esas capacidades de actuar sobre as cuestións do tráfico irían desde as funcións de vixilancia e prevención ata os servizos relativos á documentación e matriculación de vehículos, a realización de exames, a autorización e a expedición de licenzas, recursos e sancións administrativas e taxas, entre outros aspectos. Ademais, Quintana subliñou que para a creación deste corpo policial "non é necesario esperar á reforma do Estatuto de Galiza", en relación á posibilidade de ter que agardar para poder pór en práctica a reforma por ter que estar incluida no novo texto estatutario e ampararíana os artigos 149 e 150.2 da Constitución española.
Na súa intervención o vicepresidente da Xunta lembrou tamén que Galiza acada na actualidade algúns dos índices máis elevados no tocante a sinistralidade viaria. Só no ano 2004 en Galiza o número de falecidos por millón de habitantes en accidentes tanto nas estradas como en zonas urbanas ascendeu a 133 persoas, mentres que en España foi de 110. Para Anxo Quintana estes datos, xunto con outros, amosan a necesidade de desenvolver políticas de tráfico e viarias diferenciadas adaptadas ás particulares condicións de cada territorio, maís no caso galego debido ás condicións orográficas e climáticas que fan as estradas galegas necesarias dun tratamento especial.