"Falla o cumprimento do principio básico de conexión da formación coas demandas do tecido productivo", explicou o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, ao tempo que anunciaba a colaboración estreita coa consellaría de Educación para a reformular a situación actual da formación profesional en Galiza. Foi durante a presentación do borrador de planificación da formación ocupacional e continua, que xestionará 450 millóns de euros os próximos catro anos, agardando beneficiar até 300 mil persoas coas actividades que se promoverán.
Os novos programas formativos vanse despregar sempre en función das prioridades definidas por comarcas e segundo o número de desempregados, co obxectivo de territorializar os investimentos, "na procura do equilibrio do mercado laboral" e determinando as necesidades de formación sectoriais. A meta última é que toda acción estea sempre directamente conectada coas necesidades formativas reais do mercado laboral. Nesa liña, desde a consellaría gaban que "é a primeira vez que todas as medidas e políticas activas en materia de formación xorden do consenso entre a administración e os axentes económicos e sociais galegos".
Como obxectivo básico citan tamén que o novo modelo formativo lle preste "unha atención individualizada aos demandantes de emprego a través de itinerarios de inserción personalizados" e estableza procedementos áxiles e flexíbeis de homologación de especialidades. As convocatorias, que esperan abranguer até 300 mil persoas, priorizarán a grupos de difícil inserción, discapacitados, mulleres e mocidade.
No mesmo sentido, desde Traballo destacan a vontade de reformular a planificación da Formación Profesional, tarefa onde haberá colaboración estreita coa consellaría de Educación, en favor dun cambio na estrutura formativa actual que, en opinión de Ricardo Varela, "é unha formación que sendo de oferta, é na realidade, de demanda e está determinadas por elementos alleos ao que deberían de ser o establecemento previo de prioridades". Destácase tamén o establecemento de itinerarios personalizados, ao xeito de "ferramentas de atención individualizada que servirán para establecer o nivel de ocupabilidade dos demandantes, o seu itinerario formativo e as políticas activas ás que deben de acudir para completar ese itinerario".