Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INICIATIVA DO BNG NO CONGRESO

Sector leiteiro e comunidades autónomas procurarán un acordo sobre o prezo do leite

A Comisión de Agricultura do Congreso dos Deputados vén de aprobar por unanimidade a iniciativa da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, unha Proposición non de Lei na que se insta ao Ministerio de Agricultura a que "convoque aos representantes do sector lácteo e ás comunidades autónomas para chegar a acordos no prezo do leite". Davila demandou un "esforzo do Ministerio para convocar aos axentes implicados" xa que "o prezo que perciben os gandeiros polo leite non lles chega para cubrir os gastos de produción".

- 10:12 15/06/2006
Tags:

A Proposición non de Lei insta ao Goberno "a levar a cabo os acordos da moción aprobada no Pleno do Congreso o pasado 14 de febreiro" pola que se instaba ao Ministerio de Agricultura a "trasladar ao ámbito da Unión Europea o debate dos graves problemas que padecen os produtores do sector lácteo como consecuencia da inestabilidade dos prezos do leite"e a que, no seo da Conferencia Sectorial "se analicen os problemas deste mercado co ánimo de axuntar solucións positivas".

Davila denuncia que na actualidade prodúcese no sector lácteo unha disparidade de prezos en orixe, que provoca agravios comparativos e discriminación entre os produtores, "consecuencia da distribución da cota e do control que a industria ten sobre a produción". Segundo a deputada nacionalista, esta situación provoca que a industria "poida impoñer o seu prezo ao produtor e que mesmo o gandeiro non teña liberdade para cambiar de comprador en caso de que teña unha oferta mellor".

A parlamentaria tamén demandou un "esforzo do Ministerio para convocar aos axentes implicados pois os gandeiros están cada vez máis desesperados xa que o prezo que perciben polo leite non lles chega para cubrir os gastos de produción". Ademais, Davila asegurou que este desequilibrio dos prezos en orixe non se reflicte no itinerario de comercialización, "xa que o prezo que chega ao consumidor decídese atendendo a cuestións de mercado pero nunca tendo en conta as circunstancias derivadas do prezo en orixe".

A deputada do BNG lembrou que o leite debería contar cunha determinada "protección" por parte das Administracións, tanto por tratarse dun produto de primeira necesidade como porque o sector leiteiro "representa unha parte fundamental" da xeración de emprego no agro e garante o asentamento da poboación no rural.


Ligazóns

0/5 (0 votos)