A asociación ecoloxista Adega recibiu o pasado luns a notificación da estimación dos recursos presentados contra o levantamento da medida cautelar de paralización das obras da piscifactoría de Rinlo. Ante esta decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza pídelle as consellarías de Medio Ambiente e de Pesca que se lle obrigue o promotor a negociar un cambio de situación xa que "non se pode aceptar esta política de feitos consumados baseados nunha licenza ilegal".
O pasado luns 12 de xuño, a asociación ecoloxista Adega, recibiu a través do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, copia de tres autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estimando dous recursos de Adega contra de outros tantos autos do xulgado de Lugo polo que se levantaba a medida cautelar de paralización das obras da piscifactoría de Rinlo.
Segundo a asociación ecoloxista, dentro da revisión que está a facerse do Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria co criterio de non afectar ao escasos espazos protexidos do litoral, ten que ser incluída tamén esta piscifactoría de Alvarez-Cascos impoñendo ao concello de Ribadeo e máis ao promotor un cambio negociado de situación. Adega argumenta que Acuinor non pode alegar que non sexa posíbel outra situación fora da Reda Natura xa que Pescanova está a adquirir terreos en Ribadeo para trasladar a piscifactoría de Cabo Touriñán.
Así, Adega pídelle as consellarías de Medio Ambiente e Pesca que lle obrigue o promotor a negociar un cambio de situación xa que, "non se pode aceptar esta política de feitos consumados de, en base a unha licenza ilegal, ter que consentir nas Catedrais unha instalación que se rexeita para os demais Parques de Tecnoloxía Alimentaria en espazos protexidos.