Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Bierzo

Edición xestionada por Vieiros
RSS de O Bierzo
COMUNICADO

A oficialidade do galego no Estatuto de Castela e León

A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo diríxese aos partidos políticos da Comunidade Autónoma de Galicia para que aproben unha resolución do Parlamento de Galicia a prol da declaración de oficialidade da lingua galega no Estatuto de Autonomía de Castela e León. Lembramos que a Lei galega 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística, no se artigo 21, recoñoce "protexer a lingua galega falada en territorios lindeiros coa Comunidade Autónoma". Non cabe dúbida que esta Lei autonómica fai unha implícita mención aos 4 territorios de Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas da Seabra zamorá e Val do Ellas cacereño, polos seus vincallos históricos, culturais e lingüísticos con Galiza.

- 16:02 14/06/2006
Tags:

Fala Ceibe indica que o actual proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León supón unha axeitada coxuntura política para que o Parlamento galego manifeste o seu inequívoco apoio á protección do galego periférico d'O Bierzo e As Portelas. Non hai mellor forma de protexer o idioma propio destes dous territorios que a través da declaración de oficialidade do galego no propio Estatuto de Autonomía de Castela e León. O Parlamento glego non pode pasar por alto esta oportunidade histórica de reclamar un maior recoñecemento legal para coa lingua minoritaria destes territorios galego-falantes ante as propias Cortes de Castela e León.

Fala Ceibe insta ao Parlamento galego a participar activamente no debate político sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León, pois está en xogo o mantemento futuro desta lingua minoritaria nesta Comunidade Autónoma. Resulta básico para consolidar a protección do idioma galego d'O Bierzo e As Portelas sanabresas aumentar o actual recoñecemento estatutario ("gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen", artigo 4.2 do Estatuto de Autonomía de Castela e León de 1999), e isto só o podemos conseguir mediante a necesaria declaración expresa de oficialidade desta lingua. Co recoñecemento de oficialidade para co galego se poderá principiar o proceso de normalización lingüística en eidos tales como: ensino, administraciois locais, toponimia, medios de comunicación e demais.

Fala Ceibe trae a colación a actual proposta de recoñecemento de oficialidade do castelán na reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León, para demandar a mesma declaración do idioma galego. Só desta forma se evitará discriminar de novo aos falantes do galego, lingua minoritaria desta Comunidade Autónoma, pois precisa de maior protección legal para conseguir a súa normalización co debido apoio político e institucional. O Parlamento galego debe amosar a axeitada conciencia solidaria ante esta problemática lingüística que pode devenir en discriminatoria para os falantes galegos de Castela e León, de non acadarse o necesario recoñecemento de oficialidade para o idioma galego no Estatuto de Autonomía desta Comunidade Autónoma.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: