Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PROL DUN AGRO SUSTENTÁBEL

As vantaxes de saber onde se sacha o que comes

"Agromamos: unha nova xeira para o rural e a alimentación". Velaí o lema escollido para o recente congreso de agroecoloxía e agricultura ecolóxica celebrado en Lugo, reunindo nunha frase o abrollo en Galiza do interés por unha nova forma de aproveitar os recursos da nosa biodiversidade. Trátase á fin de avanzar no deseño de novos sistemas agrarios sustentábeis que ao tempo turren do desenvolvemento rural. "Non se trata de coidar o medio natural por simple altruísmo senón porque só así contribuímos á súa rexeneración e a facer viábel unha actividade económica que bebe dos nosos recursos naturais e que, sobre todo, facilita a pervivencia das sociedade", apuntaba Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural, na apertura deste foro. Logo de falarmos das cifras do sector en Galiza, produtores, comercializadores e investigadores, contan para Vieiros da situación e perspectivas de futuro.

Roberto Noguerol - 07:15 07/06/2006
Tags:

Un dos organizadores do primeiro congreso sobre agroecoloxía, o economista Xavier Simón, destaca para Vieiros o interés científico por este ámbito e a necesidade de atender á falta de I+D+i neste eido. No mesmo sentido, Cándido Martínez, que traballa nunha empresa do sector e segue desde hai anos a súa evolución, gaba que chegue a primeiro plano o interés científico por darlle soporte á agricultura ecolóxica e destaca que a realidade xa amosa que osm produtos ecolóxicos non son elitistas senón asequíbeis a calquera. Xan Martínez, da cooperativa ferrolá Xoaninha, cóntanos do rápido crecemento dese proxecto que une consumidores e produtores e subliña "este é un tren que debe coller o rural galego".

Dinamización das economías locais
"Ninguén vai facerse rico, pero si pode vivirse profesional e dignamente do agro, o que non é pouco", apunta Xan Martínez, voceiro e membro da Cooperativa Xoaniña, á que hoxe están vencelladas como socios máis dun cento de familias do contorno ferrolán. Xan opina que o da agricultura ecolóxica "é un tren que debe coller o rural galego", impulsado polo feito de que non se precisen grandes extensións de terreo e que poida producirse de xeito rendíbel a partir do modelo galego de pequenas extensións e coa máxima calidade.

A cooperativa creárase inicialmente como asociación coa fin de conseguir alimentos ecolóxicos eliminando chanzos no proceso para rebaixaren significativamente os prezos. E o éxito do que nacera como colectivo "Adella" de interese cultural e medioambiental animounos a dar o paso de constituírense en cooperativa de consumidores. Así, e unindo produtores e consumidores deron lugar a Xoaniña, que hoxe conta tamén cunha tenda aberta ao público en Ferrol, onde poden adquirirse produtos ecolóxicos do contorno local. A viabilidade económica das producións locais é xustamente unha das preocupacións do proxecto, beneficiando tanto a labregos da zona que "obteñen prezos xustos polo seu traballo" como a consumidores "que acceden a produtos da máxima calidade a prezos razoábeis".

Xoaniña naceu tomando o referente aberto en Galiza por outras iniciativas, coma é o caso da cooperativa Árbore, que traballa no contorno de Vigo baseada "na ilusión razonada dunhas persoas que desexamos que o noso entorno social, afectivo e natural mellore" e atendendo a criterios que una "o respecto ás persoas, ós animais e ó medio natural". Árbore, que tamén conta coa súa propia tenda, non distribúe unicamente os produtos certificados oficialmente como ecolóxicos, senón que burocracias aparte dálle o aval a produtos frescos sobre os que exista un coñecemento directo por parte dalgún dos seus socios, considerándoo un aval abondo en tanto que o labrego consegue o certificado correspondente.

A mesma idea é a que están defendendo os colectivos ecoloxistas. Así, por exemplo, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, veñen salientando o beneficio para os consumidores de coñeceren "a forma en que se producen os alimentos que consomen" ao tempoi que os labregos "fican coa maior parte dos beneficios, conformándose unha vía para o desenvolvemento rural sustentábel". Na mesma liña defenden a aposta pola agroecoloxía "para garantir unha alimentación sá e de calidade", necesidade que alentan ademais as recentes crises alimentarias, caso das vacas tolas ou as dioxinas nos polos.

Ese coñecemento estreito está na base dos valores que destacan tamén desde Xoaniña, subliñando o estímulo e a dinamización para os contornos locais destas iniciativas. Así, desenvólvese unha relación "próxima e confiábel", na que os socios coñecen aos produtores e mesmo se organizan visitas para ir coñecer as leiras onde se pranta e recolle o que logo se consume.

Contra o tópico do "elitismo"
Desde Xoaninha están seguros de que hai unha demanda crecente destes produtos que o mercado aínda non satisface e apunta que a iniciativa axuda a que "a produción ecolóxica deixe de ser elitista", explica Xan Martínez.

Ao respecto, Xavier Simón, especialista en agroecoloxía da Universidade de Vigo, reflexiona que a produción da agricultura ecolóxica é aínda moi cativa en Galiza e que unha parte importante destínase á exportación e apunta que o sobreprezo que en determinados momentos poidan ter estes produtos pode ter que ver ás veces coa diferenza de renda dos cidadáns, que noutros países cun mercado máis desenvolvido, parecen estar máis dispostos a abonaren esa diferenza. Con todo, apunta que o problema mingua ao tempo que se consolidan as canles de distribución, aínda febles e destaca a necesidade de mudar as actitudes fronte á alimentación dos propios cidadáns: "é dicir, estamos dispostos a pagar un sobreprezo por unha prenda de roupa en función da súa marca, pero á hora de comer válenos a comida lixo?". Simón advirte que un factor importante é a aposta pola educación transversal noutro tipo de valores vencellados a este tipo de temas básicos para a saúde, "esa parte da aprendizaxe social está quedando para uns poucos que nos interesemos por indicarlles aos fillos nese sentido, pero non hai, e debera, mecanismos regulados que contribúan a centrar a atención sobre estes temas".

Contra o tópico do elitismo tamén se pronuncia Cándido Martínez, traballador dunha empresa do sector, quen recoñece que a nivel comercial "relacionouse moito o produto ecolóxico cun produto caro e elitista", pero insiste en que "se falamos de produtos básicos: graneis, frescos, algunhas conservas, isto non é tan certo". E con todo, destaca que en calquera caso "hai que valorar na súa xusta medida o que compramos cando falamos dun produto ecolóxico", lembrando que "tamén estamos pagando por: calidade, non utilización de plaguicidas, coidado do medio ou condicións de traballo máis xustas".

Desde Xoaniña son optimistas en relación ao futuro do sector, aínda que advirten do perigo da chegada de produtos doutros países que non están acollidos aos estritos controis e requerimentos que aquí se precisan para recibir a etiqueta ecolóxica, das diferenzas lexislativas respecto a países de fóra da Unión Europea e das grandes superficies que están introducindo produtos chegados deses países.

Ao respecto destacan desde Medio Rural que á beira da promesa de pular desde a administración por unha nova forma de facer as cousas "co apoio ás estruturas de base cooperativa, á agricultura sustentábel e á calidade agroalimentaria", está tamén esa necesidade de "apelar á responsabilidade do consumidor galego para que opte polos alimentos producidos en Galiza, porque teñen como valor engadido o respecto á paisaxe e á tradición, e o cumprimento de todas as garantías de trazabilidade".

Obstáculos a superar
Xan Martínez, de Xoaniña, fala respecto ao lento desenvolvemento en Galiza do agro ecolóxico, dos "enormes lastres" en relación a outras xeografías, e comenta tamén da dificultade de mudar as formas de actuación do agro, cunha media de idade alta entre os labregos e as complicacións para optar por novos modelos de cultivo. "A ciencia da produción tradicional é máis pequena, e se de agricultura ecolóxica falamos, estás sempre aprendendo, coma quen di facendo a túa carreira de bioloxía particular e aplicada ás necesidades do teu traballo", explica indicando que ese é un desafío a superar pola mocidade para achegarse ao agro.

"É evidente que estamos a anos luz doutros lugares, tanto por número de operadores, como produtores ou apoio da administración, e iso dentro do Estado español, canto máis a fenda que hai do Estado respecto a outros países europeos", relata Xavier Simón, profesor de Economía da Universidade de Vigo.

Especialista na análise de sistemas agrarios e nas oportunidades da economía ecolóxica para o desenvolvemento, Xavier Simón indica que "se ben chegamos tarde, si estamos a tempo de reconducir a situación e impulsar o sector". Nesa liña destaca as "enormes potencialidades" de Galiza, paradoxalmente en boa medida debido ao propio "atraso relativo no proceso de produción", que permite que se conserven "ecosistemas e prácticas agrícolas esquecidas noutras partes da Unión Europea". "Ese é un punto de partida idóneo", salienta.

Ao xeito que outros representantes do sector, Simón advirte que as boas condicións para o cambio pasan a curto prazo pola necesidade de mudar a situación partindo polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, "un elemento que no seu funcionamento actual está sendo atranco para o desenvolvemento do sector".

Apoio técnico
"Abríronse moitas portas para o traballo en diferentes eidos dun sector que pode ser estratéxico para o país", destaca Xavier Simón facendo balanzo do congreso que o campús lugués da Universidade de Santiago acolleu a pasada semana. Ao fío desta cita, destaca moi especialmente a necesidade de chamar a atención sobre a ausencia en I+D+i no sector. "Os produtores non teñen apoio técnico", láiase lembrando unha recente visita a unha explotación de leite ecolóxico onde o gandeiro lles manifestaba a ausencia de referentes técnicos que seguir.

Desde a beira dos produtores, Cándido Martínez, vencellado a unha empresa comercializadora de conservas de natureza ecolóxica, destaca que a xuntanza de Lugo introduciu un punto de inflexión respecto ao que el mesmo levaba visto no sector deica agora en Galiza. "Foi o primeiro celebrado en Galicia cunha orientación claramente científica, ou polo menos o mellor artellado dos celebrados ata o momento, en torno a unha campo de coñecemento multidisciplinar que é a agroecoloxía", comenta, louvando que se axude así a quitarlle o tópico ás veces case místico que hai quen lle atribúe aos partidarios da agricultura ecolóxica. "Esta orientación científica permite dotar dun soporte a agricultura ecolóxica e todo o que a rodea, pero non soamente dende un punto de vista agronómico, senón tamén económico, histórico e social", afirma.

Na súa opinión, iniciativas deste tipo, agárdase que promovan a investigación agroecolóxica por dous camiños: "recuperar e poñer en valor os coñecementos da nosa agricultura tradicional, anterior as revolucións da agricultura industrial" e por outro lado "utilizar e poñer ao servizo dos labregos e labregas, as técnicas e metodoloxías científicas nos distintos campos de coñecemento".

Cara a aposta pública polo modelo sustentábel
Desde a consellaría de Medio Rural recoñécese que a agricultura ecolóxica precisa aínda de avanzar no seu coñecemento por parte da sociedade e que ao tempo a administración debe apostar polo seu desenvolvemento.

"Precisamente, nestes momentos nos que se detecta unha importante recesión da actividade agraria e se está optando por técnicas de produción industrial agresivas co noso contorno, Galiza ten que diferenciarse polo contrario e apostar pola calidade de principio a fin", comentou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, durante as xornadas celebradas en Lugo a pasada semana.

Cun plan xa en marcha para o acceso da mocidade ao agro e iniciativas diversas nese ámbito, desde o goberno galego ven con interese as oportunidades que para a virar a tendencia ao despoboamento rural ofrecería a aposta pola agricultura ecolóxica, reforzando o atrativo do medio rural desde varios puntos de vista: fórmula para loitar contra a desertización de vilas e aldeas, recuperación do interés dos máis novos por traballar no agro, creación de emprego e recuperación de sinais de identidade vencellados á tradición. "Somos conscientes de que un dos retos máis inmediatos aos que se enfronta o noso medio rural pasa por revertir a tendencia á desertización, revitalizar a actividade produtiva e dignificar o traballo dos labregos e labregas", apunta Suárez Canal.

Roberto Noguerol


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: