Baixo este suxestivo título o Club Pena Travinca do Barco convoca dúas xornadas de debate sobre o presente e o futuro deste espazo natural, incluído pola Xunta na Rede Natura e ameazado nos últimos tempos, ademais de polas explotación de lousa, por un proxecto de estación de esquí a construír no municipio de A Veiga, nas proximidades do mesmo cume de Trevinca (2124), a maior elevación montañosa de Galiza. Os relatorios serán este mércores e xoves, 7 e 8 de xuño, no Edificio Multiusos do Barco a partir das 20:30 h.
O primeiro deles estará a cargo de Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental, no segundo a exposición correrá a cargo de Cholo Fernández, hostaleiro que rexenta unha casa rural en Vilanova e defensor do anunciado proxecto de estación de esquí no concello da Veiga. O que se pode dar por seguro é que non faltará o debate sobre un asunto que preocupa de vello aos afeccionados aos deportes de montaña e aos defensores da natureza. O veterano club Pena Trevinca do Barco ten manifestado, en repetidas ocasións, a súa posición favorable á declaración deste macizo montañoso como parque natural, completando deste xeito o xa existente na parte incluída en concellos da provincia de Zamora, postura que coincide coa dos grupos ecoloxistas galegos e coa Federación de Montañismo de Galiza que ten solicitado á Consellaría de Medio Ambiente que desautorice o proxecto da Veiga que, por outra parte foi referendado polo responsable comarcal do PSOE e alcalde do Barco, Alfredo García, como unha alternativa á regresión económica e demográfica deste concello da montaña valdeorresa.