Montenegro proclamou o sábado a súa independencia de Serbia. "O Parlamento votou a favor da proclamación de independencia de Montenegro" así o anunciaba Ranko Krivokapic, portavoz da cámara. Deste xeito, logo da sesión parlamentaria extraordinaria, Montenegro convértese nun novo Estado dos Balcáns, o que supón a disolución definitiva da ex Iugoslavia. Os deputados montenegrinos votaron, ademais, unha "declaración de independencia" que estabelece como prioridade para o novo Estado a integración nas institucións euro-atlánticas.
Montenegro proclamou formalmente a súa independencia de Serbia o pasado sábado nunha sesión extraordinaria no Parlamento na capital Podgorica. A proclamación prodúcese despois de que o presidente da Comisión para o referendo e representantes da Unión Europea comunicáranlle os deputados que a maioría de montenegrinos votou a favor da independencia de Montenegro.
Malia estar convidados, ningún dos principais dirixentes de Serbia asistiu á sesión, porén, o presidente serbio, Boris Tadic, enviou o sábado unha mensaxe os dirixentes montenegrinos na que lle desexaba "paz, estabilidade e prosperidade" na etapa que comeza. "Como ao longo de toda a nosa historia, Montenegro terá en Serbia o seu amigo máis achegado" asegurou no seu comunicado o presidente serbio.
Aínda que Montenegro xa gozaba dunha certa autonomía, coa implantación do euro e dun sistema aduaneiro propio, o novo Estado terá que comezar agora os trámites para obter un posto en Nacións Unidas e nas demais institucións internacionais.
Pola súa parte, espérase que a próxima semana Serbia declare a súa propia independencia, o que sería o punto final do proceso de desintegración de Iugoslavia en seis estados totalmente independentes.