Terra.gal, fermoso.gal, fisterra.gal, cocido.gal... Velaí algunha das posibilidades que cara ao futuro prognostican os promotores da campaña a prol dun dominio galego en internet, cando culmine exitosamente o traballo agora iniciado. A web PuntoGal.org está xa operativa, e o próximo sábado día 10 de xuño, o Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela, acolle a asemblea constituínte da asociación.
A web inlúe xa o proxecto de estatutos do colectivo, que terá como fin principal "apoiar a iniciativa de conseguir un dominio .gal perante a ICAAN (Internet Corporation for assigned names and numbers), organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñecer os dominios".
Á beira, o cometido futuro de que baixo o dominio .gal se poidan rexistrar dominios daquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galego e/ou o fomento da cultura galega". Con ese obxetivo, PuntoGal realizará todas as xestións necesarias, con campañas de divulgación e concienciación e a meta de reunir "un gran apoio social da comunidade lingüística e cultural galegas, ás que se quere representar, no logro de seren identificada en internet con un dominio propio".
Rematados os traballos previos necesarios para a posta en marcha da asociación, a comisión promotora convoca agora esta asemblea para acelerar neste verán as accións máis urxentes con vistas a presentarlle canto antes á ICANN a candidatura do dominio .gal. O acto comezará no Auditorio ás 10h30, cun programa que inclúe a aprobación dos Estatutos, a elección da Xunta Directiva e a presentación das propostas de traballo para os vindeiros meses. A presentación de enmendas ós estatutos finaliza o día 8 de xuño. Na sección de documentos da web inclúese tamén o documento para solicitar á adhesión á iniciativa en nome de entidades e colectivos.
O impulso de Galiza e do galego en internet
"É algo fundamental dende o punto de vista simbólico, tanto de cara a fóra -para facer visíbel e potenciar fóra das nosas fronteiras a nosa vontade de termos unha identidade propia- como tamén cara a dentro, porque o feito de que os propios galegos vexan que a súa cultura ten un recoñecemento de certo peso como para ter un dominio propio, tamén é un elemento positivo de cara á autovaloración da cultura e da propia lingua". Así o declaraba para Vieiros Manuel González, secretario da Real Academia Galega e académico encargado de representar á institución na xestora da Asociación PuntoGal.
González explicoulle a Vieiros que o colectivo nace coa intención de "dotar a cultura e a lingua galegas dun punto que identifique todos os seus elementos na rede". Na súa opinión é un traballo fundamental, xa que "un dominio propio pode servirnos para identificar a todo aquilo que está en galego, toda a información que haxa na rede sobre a nosa lingua e a nosa cultura". O académico destaca que aínda sen constituírse formalmente, a asociación xa recibiu un grande volume de adhesións, polo que agoira "un apoio cuantitativamente extraordinario".