Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ARTIGO

Galescola: a escola infantil galega

Un aire de primavera en forma de titular de prensa acaba de achegarse a todos nós ao anunciar a Vicepresidencia da Xunta de Galicia a creación en dous anos de 99 novos centros de educación infantil para a etapa 0-3 anos, para poder dar servizo público a máis de 5500 nenos e nenas e a case a outras tantas familias, a fin de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. Serán, ademais, escolas en galego. Un artigo de Antón Costa Rico.

- 19:32 16/05/2006
Tags:

Un proxecto necesario e positivo. Porque hai aínda un moi reducido número de escolas infantís para este período de idade, o que dificulta a incorporación das mulleres á vida laboral, e porque a súa carencia limita a natalidade infantil, que é, en princpio, factor de calidade e de desenvolvemento humano; e factor creador de horizonte social para unha comunidade como a nosa. Un proxecto necesario, porque os servizos educativos básicos deben ser tamén preferentemente públicos. Deben ser as institucións democráticas e a Administración Pública garantes da efectivización do dereito constitucional á educación.

Esta iniciativa pública, formulada con algún vigor, ven tratar de resolver unha grave carencia, non atallable só desde a iniciativa privada, nin dende as distintas administracións municipais, planteando, polo contrario, un proxecto globalizador e con capacidade para reducir desequilibrios existentes na doble dimensión social-territorial. Como proxecto de intervención pública poderá ter mesmo unha beneficiosa influencia en toda a rede escolar tanto pública como privada.

Todos os argumentos xogan a favor: modernización, desenvolvemento e democracia social. E en galego, como razonablemente desexaría calquera pai ou nai. Un espazo de formación, onde a lingua ambiental do entorno familiar e social sexa a lingua habitual de uso e comunicación escolar. Así se demandou sempre na nosa tradición cultural. Así o demandamos todos os sectores sociais e profesionais que fomos construíndo a renovación pedagóxica en Galicia.

Aínda así, podería haber algún "medo" e resistencias, se cadra alentadas polos sectores favorables á privatización educativa ou á "internacionalización lingüística", alegando problemas de aprendizaxe ou de interferencia lingüística. Para o caso, o coñecemento que actualmente temos de sólidas investigacións de alcance internacional sobre usos lingüísticos, rendemento escolar e desenvolvemento educativo véñennos alertando sobre a incorrección didáctica dos procesos de transculturación, como os que levamos sufrindo en Galicia.

Esta iniciativa debe, pois, ser saúdada con ledicia. Si que se impón unha cuidada atención en canto a súa instrumentación e en canto á formación do profesorado, tamén porque a iniciativa vai ser "observada con meticulosidade". Por isto mesmo haberá que respirar e deixar respirar sen ansiedade. E evitar, así mesmo, as retóricas de silveira. Galescola: unha palanca de futuro.


3/5 (2 votos)