Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DISPOÑÍBEIS DE BALDE EN MANCOMÚN.ORG

Innovación pon na rede o Open Office en galego e un corrector ortográfico

Hai seis anos que o xigante informático Sun MicroSystems lle doara á comunidade internáutica o código fonte do StarOffice, que logo deu lugar ao desenvolvemento do Open Office, unha alternativa de balde para o conxunto de programas que vén monopolizando no mercado o Microsoft Office. A consellaría de Innovación presenta esta semana a tradución ao galego desta ferramenta, á beira dun corrector ortográfico baseado na normativa oficial da lingua galega. De paso, preséntase outro proxecto de colaboración coa Real Academia Galega para a presenza na rede de novos materiais lingüísticos para o uso dos internautas galegos.

- 10:36 16/05/2006
Tags:

Un potente procesador de textos con nada que envexarlle ao omnipresente Microsoft Word, un xestor de folla de cálculo, base de datos, ferramentas para realizar presentacións multimedia, debuxos vectoriais, gráficos e fórmulas, amais de varias utilidades de conversión de ficheiros. Velaí as oportunidades que o paquete ofimático Open Office 2.0 lle proporciona ao usuario informático medio a través dun conxunto de ferramentas que pode descargarse de balde en internet en máis de medio cento de linguas e desde agora tamén na súa versión en lingua galega. Deica agora, descargárona en todo o mundo 50 millóns de veces, convertíndoa na ferramenta de código aberto máis utilizada en todo o planeta. Desde agora estará dispoñíbel na súa versión galega no portal Mancomun.org. Ao tempo, na Alameda de Compostela os cibercamións do Arredemo Lab d'A Cultura Circula, vanse distribuír este mércores medio milleiro de CD's coa aplicación incluída.

Tamén desde este mércores estará dispoñíbel na mesma web un corrector ortográfico para o galego, rexido polas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma publicadas pola Real Academia Galega en decembro de 2003. O trebello usa o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, definido polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega. Emprega un dicionario con 7 millóns de palabras, axústase ao estándar en corrección lingüística, con funcións de comezar, deter, ignorar, cambiar ou engadir, e corrixe erros de sufixos e terminacións, de formación do plural, de acentuación, da segunda forma do artigo, de conxugacións e outras variábeis.

Ademais, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou un convenio de colaboración co presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, para a presenza na rede de materiais lingüísticos de grande utilidade e alta calidade, para o uso xeneralizado dos galegos e galegas. Cun investimento de 36.300 euros vaise poñer en rede un dicionario monolingüe e tamén se fixan 8 mil euros para a posta en rede do Mapa Sociolingüístico e 18.800 euros para a realización dunha colección de dicionarios bilingües.

Ao tempo asinouse coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia o convenio para o seguemento da extensión da banda larga no noso país, cun investimento de 150 mil euros e que xa fora avanzado recentemente.

Contámoslles de paso que este martes tamén se presentou a versión catalá do OpenOffice.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: