Serán até 5.500 novas prazas a curto prazo para o ensino infantil en Galiza, claves ademais para a conciliación da vida familiar e laboral e que veñen a cubrir unha crecente demanda que os centros maioritariamente privados que fornecen servizos para este treito de idade non veñen sendo capaces de cubrir. Desde o PPdeG aseguraban este luns que o 90% dos centros anunciados "xa están en marcha e deberan estar rematados no primeiro trimestre de 2007". Desde Vicepresidencia negaban ese dato e convidaban aos populares a "que expliquen se o que lles preocupa realmente é que se xunten no mesmo concepto as palabras Galiza e escolas".
A voceira na área de sociedade e benestar da executiva do PPdeG, a deputada Pilar Rojo, teimaba este luns nas súas críticas ao proxecto de Galescolas, preguntando "que ten que ver o proxecto de reconstrucción nacional cos nenos entre cero e tres anos" e pedindo que "agora non pasemos as galuniversidades ou galinstitutos". Ao tempo, os populares aseguraban que hai un mes que lle pediron á Xunta a lista de xardíns de infancia que avanzara o vicepresidente Anxo Quintana para "comprobar se coinciden coas que deixou en marcha o goberno popular", e insistindo en que "ainda estamos esperando a contestación".
Pilar Rojo pedía así que o bipartito "non apadriñe politicamente os servicios públicos que son de todos e para todos os galegos por dereito". De xeito concreto, a deputada do PPdeG referíase ao centro infantil de Camariñas, que segundo ela "está rematado dede hai tempo e sen saber o por qué non está aberta, malia que os pais afectados reclaman con insistenta a súa entrada en servizo".
Vicepresidencia pídelle "serenidade" aos populares
"O que lles molesta é que agora temos criterios claros para a adxudicación e planificación destes centros, deixando a un lado a política de adxudicacións a capricho atendendo a criterios políticos que levaba a cabo o anterior goberno", avaliaba o secretario de Relacións Institucionais, Antón Losada, sobre as acusacións do PPdeG. Losada preguntoulle a Pilar Rojo se "o que lle molesta é que se duplique o número de centros que o anterior goberno tiña pensado facer, aplicando unha política de xestión e planificación inexistente nos anteriores gobernos galegos, que levaban a cabo unha xestión a bulto destas políticas". Así, explicou que o 60% dos centros anunciados son escolas de infantil novas e proxectadas pola Vicepresidencia, e o 40% restante están orzamentados na súa maior parte polo actual executivo.
Segundo Antón Losada, o proxecto Galescola reúne "os tres piares básicos da aposta do goberno galego polas políticas sociais: calidade, identidade e compromiso co país" e "rematan coas diferencias de servizos existentes dependendo da cor política dos concellos que levou a cabo o PP". O secretario xeral da Vicepresidencia pediulle aos populares "serenidade e tranquilidade", instándolles a que "sumen no canto de restar".