Ecoloxistas e cidadáns da localidade arxentina de Gualeguaychú decidiron onte manter as manifestacións convocadas para o próximo mércores ante as embaixadas de España e Finlandia en Bos Aires. Deste xeito, a asamblea de cidadáns define unha nova estratexia contra a construción das plantas que Ence e Botnia están a realizar na fronteira entre Uruguai e Arxentina. Así, os asambleístas tentan acadar, aínda maís, a atención mundial sobre o conflito logo da irrupción o pasado venres dunha ecoloxista case espida protestando contra a construción das plantas no cumio de xefes de estado de Europa e América. Segundo informa Clarín, o presidente arxentino, Néstor Kirchner, e máis o seu par uruguaio, Tabaré Vázquez, evitaron tratar o tema na xuntanza da semana pasada e polo momento non teñen prevista ningunha reunión. Porén, o goberno uruguaio xa comezou a definir a súa extratéxia a seguir na defensa que presentará na Corte Internacional de Xustiza da Haya, ante a demanda que realizou Arxentina pola construción das papeleiras.