Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A COMUNIDADE CON MAIOR POTENCIA INSTALADA

Galiza lidera a produción eólica pero non ten un centro de investigación do sector

Un total de 107 parques eólicos xeran en Galiza 2542 megavatios, a cuarta parte do total de potencia eólica instalada a nivel estatal, subliñando o liderado na nosa comunidade en canto á produción desta enerxía renovábel. Porén, e ao tempo que se anuncia que o primeiro centro estatal especificamente deseñado para a I+D eólica vai para Cádiz, constátase que o sector é deficitario en Galiza en canto a liñas organizadas de investigación.

- 07:43 11/05/2006
Tags:

Galiza está producindo a comezos de 2006 o 25% do total de enerxía eólica do conxunto do Estado, logo dun ano onde a comunidade galega incrementou en 538 MW a súa potencia eólica instalada. Por tras están Castela-A Mancha, Castela e León, e Aragón, que sumadas á nosa comunidade completan as tres cuartas partes do total do Estado en canto a enerxía eólica producida. Así e todo, como xa lles contabamos, Andalucía será a comunidade que acolla o primeiro centro de investigación do sector e así o anunciaba a Junta de Andalucía hai xa unha semana, avanzando a existencia dun acordo co ministerio de Industria para o establecemento en Cádiz dun centro de referencia en I+D para o sector.

A perspectiva desde a que se vén enfocando o negocio eólico en Galiza amosou deica agora unha preocupación fundamental polo incremento da superficie do parque eólico e a conquista de maiores cotas de potencia instalada, obviando no seu conxunto de estratexias a necesidade de avanzar na dimensión que lle afecta á innovación, paradoxalmente, factor clave no desenvolvemento das potencialidades e o aumento da produtividade desta enerxía renovábel a nivel mundial. A xeito de exemplo resulta revelador o propio estudo promovido recentemente pola Asociación Eólica de Galiza, que baixo o título "A economía eólica", fai un repaso de magnitudes, dinámicas e efectos estruturais da enerxía eólica na nosa comunidade, e propón un "pacto eólico" entre admninistracións e empresas. O pacto defínese nun conxunto de estratexias que se resumen basicamente na busca dunha dimensión axeitada das entidades empresariais, de incremento de parques ou de revisión cara a arriba de potencias máximas permitidas, renunciando a obxetivos a prol da investigación e o desenvolvemento no sector. Malia iso, a AEGA é consciente da importancia da innovación tecnolóxica na consolidación do sector, e o propio informe realizado en 2004 conclúe as atractivas posibilidades para o impulso dun tecido empresarial especificamente vencellado ao sector, insinuando ademais o potencial desa aposta para relanzar zonas industrialmente deprimidas.

Así e todo, desde a consellaría de Innovación aseguran a existencia de proxectos específicos cara a este sector que se irían coñecer a curto prazo. No mesmo sentido, o borrador do Plan Galego de I+D+i que esta mesma semana se presentaba no Parlamento, recolle especificamente a necesidade de articulación estratéxica en sectores clave para o desenvolvemento do país a través de programas sectoriais que se deseñarán para "satisfacer as demandas da industria galega e dos novos sectores emerxentes mediante a transferencia da investigación aplicada".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: