Unha das pezas chave da cultura galega en Cataluña é Xesús González Gómez, aínda que gusta tan pouco das fotos que non hai unha na que estea presentable e por riba é dos que refuga case sempre os actos públicos. O Xesús, porén, puxa silandeiriño por moitas iniciativas editoriais que se desenvolveron en Galicia nos últimos anos, e non só respondendo aos moitos "mírame por Barcelona a ver ser atopas...". Esta fin de semana, "os da profesión" concedéronlle o premio anual da AELG pola tradución dun ensaio de Michael Löwy sobre surrealismo e marxismo. Tamén o podía ter levado pola versión dos Cantos de Maldoror. Por Helena González.
Si, Xesús González Gómez é XGG, aínda que XGG non é máis ca unha parte do lletraferit e amante dos libros e da literatura que é Xesús González Gómez. Como crítico literario nas páxinas d’A Nosa Terra, defendeu a necesidade dunha crítica literaria non académica baseada na honestidade de quen media con lectoras e lectores (xa sei que non lle vai gustar nadiña esta reviravolta "...as e ...es" da linguaxe politicamente correcta). Dicir como dixo de tantos libros que non valían gran cousa, que renqueaban desta perna ou da outra, e ilustralo cunha restra de citas textuais non lle procurou moitas amizades, precisamente. Mais o que todos lle recoñecemos, á marxe de se cadraba conforme ou non coa súa lectura, é que foi o primeiro en manterse durante moito tempo á marxe das comodidades da crítica-carracha. Supoño que a posición barcelonesa axudou moito a perseverar no que el consideraba como o único exercicio de normalidade posible para unha literatura que se debatía (e debate) esquizofrénica entre o que se quere ser e o que se está disposto a ser.
Mais a Asociación de Escritores en Lingua Galega, que está vivindo unha época de ampliación ben interesante, concedeulle o premio ao tradutor González Gómez, non ao controvertido crítico. Desde a súa entrada no mundo das letras González Gómez fixo de ponte invisible, traducindo os poetas cataláns ao galego nas páxinas dos xornais, traducindo dramaturgos mallorquíns para a Biblioteca Pillado Mayor e traendo textos e manifestos desde o francés para Laiovento. Precisamente nesta editora foi aparecendo a súa serie de traballos sobre as vangardas e especialmente sobre o surrealismo, unha das teimas que mellor debuxan as inquedanzas de González Gómez. A súa escolma de manifestos de vangarda, a colleita de declaracións surrealistas, as relacións entre teatro e surrealismo ou esta tradución premiada de Löwy, A estrela da mañá. Surrealismo e marxismo, ofrecen materiais, moitos deles ciscados ou pouco accesibles, que axudan a coñecer estes movementos nunha lingua do mapa ibérico. De Löwy hai outro volume de ensaio na mesma editorial titulado Patria ou terra nai?, en tradución de X. M. Beiras, Antonia e Estrella Tato Fontaíña.
Paro a coller aire e vexo que sen querer saíu unha haxiografía. Non quería. Con todo e iso precisaría uns cantos artigos máis para falar das súas moitas facetas como editor, articulista, editor, fornecedor de fondos bibliográficas para algunhas coleccións galegas, narrador e amigo. Porque por baixo desa casca amarga de crítico duro, que o é, hai un intelectual entregado, un tradutor infatigable, un cazador e devorador de libros, e sobre todo un amigo entregado, rexo e doce coma o chocolate. Parabéns polo premio, aínda que prefería que cho deran polos Cantos de Maldoror.
Michael Löwy
A estrela da mañá. Surrealismo e marxismo
Trad. de Xesús González Gómez
Compostela | Laiovento | 2005
Conde de Lautréamont
Cantos de Maldoror e Poesías
Trad. de Xesús González Gómez
Compostela | Laiovento | 2005 | col. Poesía 203
Xesús González Gómez (ed. e trad.)
Ecos da batalla cotiá. Declaracións políticas surrealistas
Compostela| Laiovento | 2004 | col. Ensaio 181