Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'POR MIN E POLOS MEUS COMPAÑEIROS'

O Festival de Cans estreará a primeira longametraxe realizada por unha cooperativa galega

O Festival de Cans celebrará a súa terceira edición os próximos 25, 26 e 27 de maio co obxectivo de consolidarse como o festival de referencia para as curtametraxes galegas. Durante estes tres días a aldea do Porriño convertirase no lugar idóneo para coñecer as mellores curtas galegas do ano entre pendellos, galpóns, adegas e chimpibuses. Cans acollerá nesta ocasión a estrea mundial da longametraxe Por min e polos meus compañeiros, ópera prima do realizador porriñés Xudas Diz. Como noutros anos, o Festival non esquecerá engalanar a aldea coas correspondentes alfombras vermellas nin tampouco de condimentar con boa música as proxeccións. Máis de sete salas espalladas por todo Cans proxectarán as dezaoito pezas a concurso, mentres que o Torreiro acollerá, entre outras, as actuacións de Andy Chango e máis de Josele Santiago e Pablo Novoa.

- 17:18 08/05/2006
Tags:

Un ano máis o Festival de Cans en O Porriño convertirase durante tres días no epicentro da produción audiovisual galega. A cita galega naceu hai dous anos como un contrapunto divertido e autóctono ao simple glamour que eses mesmos días chega desde Cannes. Segundo os organizadores, "unha oportunidade única para que todos aqueles que non teñan un traxe de Christian Dior ou de Armani co que pasear por La Croisette veñan
lucir camiseta e vaqueiros ao festival máis divertido deste e do outro lado do Padornelo". Deste xeito, o Festival de Cans aposta pola imaxinación e a diversión baixo o concepto do Agroglamour para reunir nunha fin de semana os mellores cortos realizados en Galiza no último ano.

O Festival abrirase este ano coa estrea mundial de Por min e polos meus compañeiros de Xudas Diz. Esta cinta, realizada pola cooperativa de actores e técnicos galegos, Barroco Films é a primeira longametraxe deste realizador porriñés. Trátase dunha historia que, sen seguir unha liña argumental típica, comeza coa tráxica morte dunha rapaza, Catia, unha noite logo da celebración do cumpreanos do seu mozo.

Nesta terceira edición, o Festival de Cans mantén as principais
características que garantiron o éxito dos dous primeiros anos, cunha asistencia de máis de 2.000 persoas na última edición. De novo as salas de proxección situaranse en alpendres e baixos, e os chimpibuses serán unha vez máis o medio de transporte oficial entre éstas. O festival tamén presenta novidades neste 2006: este ano aumenta un día a duración do festival, duplícase o aforo ata as 480 entradas (o doble que no ano anterior) e se escollerá ao mellor actor e actriz das curtas como nova categoría nos premios do festival, que este ano homenaxearán a Mabel Rivera entregándolle o Pedigree de Honra.

O Festival tamén aposta pola música como acompañante das curtas e deste xeito, a aldea de Cans acollerá as actuacíons de Andy Chango, Os Tristes Tigres, Festicultores e o ex-líder de Los Enemigos, Josele Santiago, acompañado do músico vigués Pablo Novoa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: