Once anos despois do seu último paso por Galiza, a Vuelta Ciclista a España, tocará terras galegas nesta edición do 2006. Santiago Domínguez, director xeral para o Deporte, anunciou hoxe xunto cos representantes de Unipublic, a empresa organizadora, a inclusión de dúas tiradas da próxima Vuelta pola provincia de Ourense e Lugo. Manuel Díaz, director comercial de Unipublic, tamén afirmou que a organización estudará "con cariño" a inclusión do Karpin Galicia na edición do 2007, que partirá de Galiza.
Será o 2 de setembro cando a Vuelta chegue á cidade de Lugo procedente de Ponferrada na súa oitava etapa. Segundo Manuel Díaz, a tirada do día seguinte entre a Fonsagrada e o Alto de Cobertoira (Asturias), será a máis importante da carreira con 206 quilómetros e seis portos de montaña.
Santiago Domínguez, agradeceu a Unipublic que despois de 11 anos a Vuelta volva a Galiza, "nun momento especialmente doce e importante para o ciclismo galego polo recente anuncio da creación do equipo galego profesional". En referencia a participación do Karpin Galicia na edición do 2007 a organización mostrouse optimista e comprometeuse a estudar a petición con "todo o cariño que se merece o novo equipo galego".