Non hai discusión sobre cal vai ser o candidato do PSdeG para a alcaldía de Lugo. O ascenso á maioría absoluta de Xosé Clemente López Orozco nos últimos comicios convírteo en intocábel cara a próxima cita coas urnas. Nese escenario de fortaleza socialista, aparece máis complicada a estratexia dos outros dous partidos que actualmente teñen representación no Concello. O BNG, cavila dous candidatos posíbeis e no PPdeG asoma a volta do ex alcalde García Díez, candidatura condicionada polo pulso de Cacharro coa dirección do partido.
O PSOE amosara unha significativa fortaleza electoral na provincia de Lugo durante as últimas eleccións autonómicas, onde quedara preto de quitarlle un deputado máis ao PPdeG. Impulsados pola inercia do efecto Orozco, os socialistas non ocultan que os seus prognósticos máis optimistas inclúen a suma do voto necesario para gañar o liderado da deputación provincial, onde agora é presidente o popular Francisco Cacharro. E nesa tarefa consideran ao alcalde Orozco unha inmellorábel punta de lanza. As listas locais do PSdeG xa amosaran a vontade de continuidade en 2003, onde nos primeiros postos só se introducira a novidade da decana de Humanidades, Concepción Burgo e non é probábel que vaia haber grandes cambios desta volta.
Mentres, os novos ventos do PP traerían de volta a quen fora alcalde da cidade por este partido, Xaquín García Díez, defenestrado no seu momento polo presidente da Deputación, Francisco Cacharro Pardo. Logo do fracaso en 2003 con Manuela López Besteiro á fronte, campaña onde os populares inxectaran un inédito volume de recursos, García Diez é a solución preferida pola dirección popular para a transición cara a erosión de Orozco. E aínda que a prensa local dá por feito que será el o cabeza de lista dos populares, logo de recibir oferta directa de Núñez Feijoo, o propio Díez asegurou nos últimos días que aínda non tomou unha decisión final. No fondo está o pulso que Cacharro mantén co vicepresidente do PPdeG e presidente dos populares lugueses, Xosé Manuel Barreiro, e por extensión coa propia dirección galega do partido. A intención de Barreiro de competir con Cacharro pola presidencia da deputación provincial
Pola súa parte, o BNG deseña a recuperación da inevitábel sensación de fagocitación coa que saíron das últimas municipais. O concello fora escenario nos catro anos anteriores dun fluído pacto de goberno, cun sólido balanzo na acción de goberno dos concelleiros nacionalistas, que chegaban ás urnas cunha boa valoración cidadá. Paradoxalmente, o escenario de consenso era capitalizado en exclusiva polo alcalde Orozco, deixando en crise ao BNG e levando á posterior demisión da súa voceira municipal, Branca Rodríguez Pazos. O Bloque chega agora con, cando menos, dous candidatos posíbeis, o actual voceiro municipal da formación, Xosé Anxo Lage, e o voceiro na deputación provincial, actualmente concelleiro na veciña Becerreá, Antón Bao. A asemblea local decidirá a quen propón e a última palabra tena a executiva do Bloque.
Opina nos foros de Vieiros
Anteriores: