Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FORO SOCIAL EUROPEO EN ATENAS

Podemos ter outra Europa

Velaí un dos lemas cos que se convoca a milleiros de activistas para a xuntaza alterglobalizadora que se celebrará entre o 4 e o 7 de maio en Atenas. Coa guerra de Iraq aínda na actualidade e coa ameaza doutro conflito en Irán, para o sábado, o Foro Social Europeo convocou unha manifestación no centro da capital grega, que rematará diante das embaixadas dos Estados Unidos e Reino Unido. De momento, a única presencia galega confirmada é a de Xosé Manuel Beiras, que acudirá en representación da Fundación Galiza Sempre.

- 09:56 03/05/2006
Tags:

"Unha das principais novidades é a eliminación dos plenarios, das grandes conferencias, para evitar as eternas discusións sobre ponentes e cotas por países", explicáballe hai uns días Panaiotis Iulis, integrante do Foro Social Grego, ao xornal dixital Rebelión, "Moita xente vaise concentrar nos seminarios sobre a directiva Bolkestein e a Constitución Europea". Iulis tamén destacou a actualidade e os desafíos de América Latina, lembrando que xusto despois do Foro Social Europeo comeza en Viena o cumio oficial de xefes de Estado latinoamericanos e europeos, de xeito que moitos dos activistas que están esta semana en Grecia viaxarán despois a Austria.

Florencia, París e Londres acolleran en anos anteriores esta cita, que por vez primeira viaxa ao Sur de Europa e que desta volta manexa un orzamento menor ao de edicións anteriores. Concertos, proxeccións cinematográficas e outras actividades culturais completan un amplo programa que inclúe 277 seminarios. Entre eles, haberá un específico sobre o proceso de paz aberto en Euscadi, onde terán representación os sindicatos nacionalistas ELA e LAB e as formacións políticas Eusko Alkartasuna, Aralar e Batasuna. Alí estará tamén o crego irlandés Alec Reid, quen por certo é actualidade esta semana ao criticar que aínda non se dese paso ningún para legalizar a Batasuna despois do cesamento de fogo da ETA.

No foro confirmou asistencia Xosé Manuel Beiras, que en calidade de presidente da Fundación Galiza Sempre estará en Atenas coa intención de "aproveitar este marco social e organizativo para potenciar a presenza galega no ámbito internacional mediante contactos con algunhas das principais asociacións políticas e sociais representadas". Nese sentido, xa acordou xuntanzas con organizacións "amigas" como o CIEMEN, a Alianza Libre Europea (ALE.asbl) e outras fundacións do estado español. Desde a fundación destacan que "a presenza neste foro permite contrastar a vitalidade da resposta social á globalización neoliberal e coñecer directamente os novos procesos de organización e movilización que están a producirse en Europa".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: