Vén de presentarse o informe anual que recopila o traballo realizado polo Movemento polo Dereitos Civís durante o ano 2005. O movemento denuncia, grazas a aportación de avogados, profesores, estudantes, xornalistas, escritores e asociacións, as diferentes vulneracións de dereitos fundamentais acontecidos durante o ano pasado en Galiza, facendo fincapé nas violacións de dereitos civís por parte das administracións públicas.
O informe toma coma referencia o articulado da Constitución para analizar as diferentes actuacións que, durante o pasado ano, atentaron contra os dereitos e deberes fundamentais recollidos no primeiro título do texto de 1978. Deste xeito, fai un repaso por distintas actuacións dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, a situación da liberdade de expresión, a actuación da Xustiza, a Operación Castiñeira, etc. Neste traballo, repásase tamén os distintos actos e iniciativas postas en marcha durante este 2005 desde o Movemento polos Dereitos Civís. O informe pretende servir como material para o debate sobre a saúde dos dereitos e liberdades en Galiza abrindo "investigacións sobre as distintas actuacións que non reciben respostas por partes dos valedores institucionais dos dereitos e liberdades". Nesta ocasión, conta cun prólogo do escritor Xosé María Álvarez Cáccamo e cunha conclusión de Rafa Villar.