Chus Lago presentou esta mañá en Santiago a travesía que iniciará o vindeiro 2 de maio na que atravesará os case 700 quilómetros da illa de Grenlandia de Oeste a Leste. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que tamén asistiu a presentación, desexoulle a alpinista "a mellor das sortes" e definiu á deportista galega coma exemplo de que "o deporte e os retos non son só cousa de homes", polo que "esta muller se ten convertido nun modelo e nun referente para as rapazas galegas".
Quintana destacou que coa travesía que inicia a semana que vén a alpinista ten a oportunidade de dar a coñecer Galiza no mundo, así como de promover unha labor deportiva tan loábel e exemplificadora para a mocidade, en especial para as mulleres novas. Segundo o vicepresidente da Xunta, as mulleres deportistas "soen atopar máis atrancos, padecendo a indeferenza en moitos casos e non gozando da mesma relevancia que ten o deporte masculino". É este un dos motivos polos que a secretaría xeral de Igualdade aporta para esta expedición e os seus adestramentos, un presuposto de 38 mil euros.
Chus Lago, que xa leva preparando este novo reto desde hai uns meses, parte o vindeiro martes desde Vigo a Grenlandia para percorrer, facendo esquí de fondo e tirando dun trineo, case 700 quilómetros, os que separan a illa de Grenlandia de Oeste e Leste. A alpinista soportará temperaturas que oscilan entre os -20 e os 0 graos, con fortes ventos que rebaixarán, aínda máis a sensación térmica. Até o de agora, só tres expedicións foron capaces de finalizar a ruta. Lago terá en todo momento presente a figura de Merb Khabazi, a quen lle dedica esta ruta. Khabazi, compañeiro habitual nas expedicións da alpinista viguesa, faleceu vítima dun temporal o pasado 20 de xullo mentres escalaba o pico caucásico do Ushba.