Os treitos de autoestrada entre A Coruña-Carballo e Santiago-Lalín, apareceron nas últimas semanas en primeiro plano das reivindicacións para que se afrouxen as súas respetivas peaxes, aínda que segundo anunciou a conselleira de Política Territorial, a Xunta non prevé a curto prazo negociar a supresión de máis pagos debido "ao seu levado custo". De paso, a consellaría presentou o proxecto de Plan Integral de Transportes de Galiza, que cualifican coma "o primeiro instrumento de planificación global elaborado pola Xunta no sector do transporte". Mentres, o coordinador do PSdeG no Congreso, Antón Louro, recoñecía que os prazos para a alta velocidade a Galiza "van xustos" pero aseguraba que "se cumprirán". Desde o PPdeG din ver un conflito entre as previsións de Louro e as da propia consellaría de Política Territorial.
"Garantir a plena consolidación dun sistema integrado de transporte público, tanto nos ámbitos metropolitanos e comarcais como na interrelación entre ambos" é o ambicioso obxetivo principal do Plan Integral de Transportes de Galiza, Pitgal, presentado este luns pola consellaría de Política Territorial. A conselleira María Xosé Caride explicou que se quere ademais garantir "o sistema de transporte de mercadorías contribuíndo á competitividade das empresas e á súa adecuación económica e ambiental respecto do propio tecido empresarial galego".
De xeito especial, destácase a necesidade de "mellorar a cobertura temporal e espacial do sistema de transporte colectivo atendendo á evolución dos asentamentos de poboación e ás demandas de mobilidade da cidadanía", fomentando "o uso do transporte colectivo e doutros modos menos contaminantes, fronte ao uso do vehículo particular". O bautizado Pitgal está na etapa de diagnóstico xeral do sistema de transportes galego e deberá haber documento daquí nun ano. Ao tempo, prométese un foro multidisciplinar de seguemento onde terán voz os sectores empresarial, sindical e de usuarios, ademais das diferentes administracións afectadas.
En rifa polos prazos outra vez
"O importante é estarmos atentos para que os orzamentos do ano próximo recollan partidas similares ás destinadas para este ano para que se conclúan as obras previstas", indicou Antón Louro, coordinador dos socialistas galegos no Congreso. Facendo balanzo dos dous anos de goberno do PSOE, Louro recoñeceu que o cumprimento dos prazos podería non chegar pero que "un pequeno atraso non sería problema". Segundo o seu repaso, con investimento de 618 millóns de euros case todo o treito do Eixo Atlántico está en obras e o que non está "vai comezar en poucos meses" e entre Ourense e Santiago "todo está licitado ou en obras".
Ao respecto, desde o PPdeG apuntaban que mentres Louro fixa en 2009 o remaet das obras da conexión de alta velocidade coa mesesta en 2009, a propia conselleira de Política territorial "admitira publicamente que os traballos do tramo Lubián-Ourense non comezarán ata o ano 2008".
As críticas dos populares inclúen que o voceiro dos socialistas galegos en Madrid reiterase que o AVE atlántico estará en servizo en 2007 "sabendo que en cinco dos treitos nin sequera se poderán iniciar as obras en todo o ano próximo" e din que a "complexidade orográfica de boa parte dos treitos pendentes fará que as obras duren, no mellor dos casos, entre tres e catro anos, e non 20 meses como dí Antón Louro". De paso aseguran que "case 300 millóns de euros de obras do Plan Galiza quedaron sen executar en 2005 por falta de capacidade de xestión do goberno central".