Luita Verde rexeita o proxecto do porto deportivo de Massó, en Cangas do Morrazo, polo seu elevado impacto ambiental na zona marítima onde se plantexa ubicar, debido a súa envergadura e o dano irreversible as excelentes condicións xeomorfolóxicas, ecolóxicas e mariñas da zona, das poucas que evitaron ata o de agora a sobreexplotación e a destrucción humana no interior da ría de Vigo.
Luita Verde denuncia ademáis que a grave afección do litoral que pode provocar esta obra de máis de 600 metros de lonxitude de recheo en dique pechado e 420 puntos de amarre, nas corrientes mariñas, praias adxacentes e aledañas, reserva natural pesqueiro-marisqueira (ostra, ameixa, navalla, ameixa rubia, reló, vieira, saltóns ,carneirolo, pintos lubinas, sargos, raias, chocos, polbos e as algas laminarias, sacocorhiza, sargassum, himanthalia, cystoseira, destacando entre outras moitas especies ), fondos de maerl e á ría en xeral, poderase ver incrementada considerablemente pola afección nas proximidades en terra, en primeira liña de litoral, pola construcción dunha urbanización hoteleiro-residencial de arredor de 1000 vivendas, á cal vai directamente ligado o porto deportivo, polo vínculo empresarial inmobiliario (Residencial Marina Atlantica) e de diseño, pois o porto deportivo non se sostén por si solo e necesita da urbanización próxima para a súa viabilidade económica.
Esta zona en terra, no Salgueirón, que estivo vinculada históricamente á empresa conserveira dos Hermanos Massó dende principios ata a década dos anos oitenta do século pasado, aparte do patrimonio arquitectónico-industrial dos edificios da conserveira, baleeira, almacéns, gardería e cheminea, contén ó seu carón asociado un dos xardíns botánicos máis representativos non só do concello, senón de toda a comarca, tanto por número de especies como polo espacio físico ocupado.
Con máis de 40 especie áboreas e arbustivas orixinarias dos 5 continentes, sobresaen exemplares cuasi centenarios e de grande magnificiencia, coma os dunha araucaria (Araucaria heterophyla), dun cedro do Líbano(Cedrus libani) ou dunha secuoia (Sequoia sempervirens). Son igualmente salientables os bosquetes específicos de varios exmplares de carballo americano (Quercus rubra) ou de pradairo de América (Acer negundo). Outras especies destacables polo seu número e porte son o carballo (Quercus robur), o pino de Monterrey (Pinus radiata), o pino marítimo (Pinus pinaster), o plátano de sombra (Platanus hybrida), o liquidambar (Liquidambar styraciflua), o cedro de California (Calocedrus decurrens), o ciprés de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), o magnolio (Magnolia grandiflora), o camelio (Camellia japonica), o loureiro real (Prunus laurocesarus), o loureiro (Laurus nobilis), o boneteiro (Euonymus japonicus), o alfaneiro chino (Ligustrum lucidum) e o pitosporo (Pittosporum tobira). Tamén son dignos de salientar exemplares adultos de palmeira de Canarias (Phoenix canariensis), de falso palmito (Trachycarpus fortunei), de dracaena ( Cordyline australis), ciprés común (Cupressus sempervirens), laranxeira (Citrus sinensis) e de oliveira (Olea europaea). Naturalizados, tamén abonda a presencia de varios exemplares de salgueiros, estripeiros, pereiras bravas, sabugueiros, sanguiños, xilbarbeiras e xestas. Este conxunto arquitectónico natural, que da cobixo a multitude de fauna e flora natural e que é utilizado por moit@s veciñ@s e visitantes para paseo e lecer, está dende hai un par de décadas en abandono, coas edificacións en estado ruinoso, e o bosque sin cuidar, pasto de plagas e enfermidades patóxenas e invadido nalgunhas zonas polo bosque de eucalipto ou da mimosa e tamén pola vexetación afogante das hedras e da Ipomea acuminata.
Ademáis existen varios focos de vertido incontrolado de lixo e escombreiras polos arredores e tamén foi pasto nos últimos anos dos lumes, tanto na zona arborada, como no interior das edificacións, producto do seu abandono, da irresponsabilidade humana e con todas as credenciais da especulación.Urbanizacións próximas en construcción, como na zona da Pedra Alta tamén están a afectar o bosque, con muros de contención. A construcción da urbanización arriba citada citada suporía por engadido a afección máis grave e irreversible a ocupación e a práctica desaparición desta importante zona verde no futuro. Luita Verde polo tanto rexeita tamén a urbanización residencial e hoteleira proxectada por convenio no Salgueirón, que lembra que na actualidade está parada grazas á paralización do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cangas e que aínda segue a ser solo industrial.
Luita Verde avoga pola protección integral e conxunta da zona marítima e da terrestre do Salgueirón. Solicita que non se proxecte ningunha instalación náutico-deportiva e que se derruba a ampliación do vello peirao de Massó, declarándo a zona reserva mariña, dentro dunha futura Reserva da Biosfera das Rías Baixas. Para os antigos terreos de Massó solicita, que tanto sigan catalogados como industriais como recalificados a urbanos, se faga de forma sostible co medio e tendo en conta a recuperación, conservación e mantenimento do patrimonio arquitectónico e do xardín botánico anexo, incluíndo por engadido tamén a protección do contorno da lagoa de Massó, en Balea, ameazado tamén pola construcción de pistas deportivas dentro do mesmo convenio urbanístico de Massó e e dun centro de recuperación de cetáceos solicitado polo Concello ó seu abeiro, actuacións que tamén rexeitamos por ser claramente lesivas para este encrave naturalizado senlleiro, onde á beira e dentro do seu tupido bosque de ribeira dominado pola asociación salgueiro-loureiro, e da notable presenza da espadana (Typha latifolia), habitan e se acubillan varias especies de avifauna salvaxe nidificante e migratoria, como por exemplo a garza real (Ardea cinerea), a garceta (Egretta garzetta) o alavanco real (Anas platyrhynchos), a galiña de río (Gallinula chloropus) e o demo negro (Fulica atra), entre outra variada e extensa lista de especies de fauna vertebrada e invertebrada terrestre, acuática e mariña, que moran ou simplemente se achegan ata as súas augas e arredores a hidratarse ou alimentarse. Solicitamos a candidatura do xardín de Massó, polo seu valor botánico, asociado co histórico-cultural e industrial, para a entrada dentro do catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia que está a elaborar a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Luita Verde, como asociación integrante do Foro Social pola Defensa do Pobo (www.cangasnonsevende.org) segue a a colaborar na paralización das obras do porto deportivo de Massó e participando como colectivo no Consello de urbanismo do Concello de Cangas en aras de contribuír no seguimento e mellora do planeamento urbanístico do concello.