Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIROS ÉXITOS DAS PROTESTAS CIDADÁS

El-Rei de Nepal cede e admite que haxa un primeiro ministro democrático

Logo de quince días de protestas violentas no país e de 16 mortos nas rúas de Catmandú, el-rei Guianendra anunciou a súa renuncia aos poderes absolutos dos que se dotara hai algo máis dun ano. Os principais partidos da oposición non consideran abonda a medida e pedíronlle unha mudanza constitucional.

- 19:47 21/04/2006
Tags:

El-rei Guianendra de Nepal anunciou por televisión que lle trasfere "ao pobo" o poder que exercía de forma absoluta e que avoga por unha democracia multipartidista. Na súa intervención, o monarca pediulles aos sete partidos da oposición que desistan das protestas e que propoñan un candidato para primeiro ministro. O Congreso Nepalés, o principal partido da oposición democrática, declarou a través do seu líder Minendra Rijal que a oferta non era abonda e que reclamaban unha mudanza constitucional que supoña lexislativamente a fin do período reinado absoluto. Os sete principais partidos convocaron unha xuntanza extraordinaria para o sábado, onde decidirán qué opción seguen.

Nestes quince días de protestas intensas, a represión policial dos manifestantes provocou cando menos 16 mortos, e está vixente o toque de queda. Por causa da insatisfacción xerada entre os opositores pola cesión del-Rei, as protestas poderán continuar nas vindeiras horas. Os partidos desexan a restauración do Parlamento e a convocatoria de eleccións constituíntes para os 26 millóns de nepaleses, suprimidas polo monarca hai catorce meses. Guianendra é rei de Nepal dende 2001, logo de que un masacre non ben aclarado rematase coa vida do seu irmán o rei Dipendra e de toda a súa familia.


0/5 (0 votos)