Xa son dez os mortos durante as protestas contra o réxime do monarca nepalés Gyanendra, que mantén o seu estado centroasiático nun toque de queda para conter as manifestacións. A oposición integra sete partidos democráticos e conta co apoio dos rebeldes maoístas, que manteñen un terzo do país nunha sanguenta guerra civil dende hai anos. A policía xa detivo tamén uns 250 manifestantes.
Máis de 250 estudantes e mestres universitarios foron arrestados pola policía nepalesa tras quebrantar o toque de queda imposto na cidade de Poghara, ao oeste do país, para protestar contra o rei Gyanendra, segundo afirmou un oficial este mércores. As detencións tiveron lugar, segundo o voceiro policial, pola violación dun toque de queda de 24 horas de duración imposto para evitar a convocatoria de manifestacións. Onte tamén se produciu a detención de 25 funcionarios gobernamentais e empregados que se estaban a manifestar contra o réxime do monarca no Ministerio de Interior, segundo informaron fontes oficiais.
O país vive dende o pasado 6 de abril unha folga xeral convocada pola alianza de sete partidos da oposición e respaldada polos rebeldes maoístas, que reclama a restauración da democracia, despois de que o rei Gyanendra se atribuira todos os poderes en febreiro de 2005 tras destituir ao Goberno electo e disolver o Parlamento. Nestes últimos días denunciouse tamén o corte das comunicacións telefónicas puntualmente para evitar as concentracións así como a detención de máis de 100 xornalistas que estaban cubrindo a folga, segundo denunciou Xornalistas Sen Fronteiras.
O rei Gyanendra sumiu o poder en Nepal en 2001, logo de que o seu irmán e boa parte da súa familia fose asasinada nun masacre aínda non ben explicado.