Máis de 250 estudantes e mestres universitarios foron arrestados pola policía nepalí tras quebrantar o toque de queda imposto na cidade de Pokhara, ao oeste do país, para protestar contra o rei Gyanendra, segundo afirmou un oficial este mercores. As detencións tiveron lugar, segundo o portavoz policial, pola violación dun toque de queda de 24 horas de duración imposto para evitar a convocatoria de manifestacións. Onte tamén se produciu a detención de 25 funcionarios gubernamentais e empregados que se estaban a manifestar contra o réxime do monarca no Ministerio de Interior, segundo informaron fontes oficiais.
O país vive dende o pasado 6 de abril unha folga xeral convocada pola alianza de sete partidos da oposición e respaldada polos rebeldes maoístas, que reclama a restauración da democracia, despois de que o rei Gyanendra se atribuira todos os poderes en febreiro de 2005 tras destituir ao Goberno electo e disolver o Parlamento. Nestes últimos días denunciouse tamén o corte das comunicacións telefónicas puntualmente para evitar as concentracións así como a detención de máis de 100 xornalistas que estaban cubrindo a folga, segundo denunciou Xornalistas Sen Fronteiras.