Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
VERDEGAIA DEMANDA A SUBSTITUCIÓN DA ELECTRICIDADE DAS TÉRMICAS POR AFORRO E RENOVÁBEIS

A central térmica de carbón das Pontes é o foco contaminante europeo que causa maiores danos á saúde humana

Segundo o estudo "Impacto sobre a saúde das emisións de grandes focos contaminantes", realizado pola consultora inglesa EMRC para The Swedish NGO Secretariat on Acid Rain , a central térmica de carbón de ENDESA nas Pontes é o foco emisor de toda Europa que maiores danos á saúde humana provoca por emisións de dióxido de xofre (SO2) e de óxidos de nitróxeno (NOX). De acordo co mesmo estudo, a central térmica de carbón de UNIÓN FENOSA en Meirama (Cerceda), ocupa o lugar 24 entre os maiores focos contaminantes da UE-25, Suíza e Noruega. Para a asociación ecoloxista galega Verdegaia, os datos deste estudo proporcionan un argumento máis a favor da substitución da produción eléctrica das térmicas de carbón polo aforro enerxético e as enerxías renovábeis.

- 15:40 19/04/2006
Tags:

Segundo o devandito estudo, as elevadas emisións de SO2 e NOX da central das Pontes provocarían cada ano unha perda de 19.000 anos de vida ou 1.800 mortes prematuras, mentres que a de Meirama causaría unha perda de 4.400 anos de vida ou, expresados os danos en mortes/ano, 420 (ver cadro anexo). Estes datos non se poden tomar como medidas precisas, nin tampouco se poden entender como referidos só a Galicia, dada a natureza transfronteiriza da contaminación considerada, mais ilustran ben un aspecto parcial do enorme impacto da contaminación das centrais térmicas. O estudo non considera a contribución das térmicas galegas ao cambio climático polas súas cuantiosas emisións de dióxido de carbono (CO2), nin as emisións doutros contaminantes (partículas, metais pesados,…), nin tampouco outro tipo de efectos negativos derivados das emisións de SO2 e de NOX . Polo tanto só tenta valorar unha pequena parte dos danos orixinados polas térmicas de carbón.

O perfil de maior foco contaminante en Europa é unha grande central termoeléctrica, que usa carbón como combustíbel, e que se sitúa no Estado español, Polonia, Ucraína ou Bulgaria. Os datos recollidos no informe refírense aos anos 2000 e 2001. O 2001 é o último ano para o que se dispón de datos no rexistro EPER , que as organizacións ecoloxistas demandan que se actualice anualmente para unha mellor información da sociedade sobre a contaminación causada polos maiores focos de contaminación de Europa.

Unha produción eléctrica moi cara

O estudo citado tamén estima o custo sanitario por unidade de electricidade xerada nas 12 centrais termoeléctricas máis prexudiciais para a saúde. A estimación para a central das Pontes é de 10 céntimos de euro por Kwh xerado, o 4º valor máis alto. Este dato reforza a idea de que, se o prezo da electricidade producida polas centrais térmicas de carbón refletise os seus custos para a saúde humana e o medio ambiente, a electricidade xerada a partir do carbón sería pouco competitiva, o que favorecería moito o aforro enerxético e as enerxías renovábeis, en beneficio do medio ambiente e da saúde.

O estudo encargado polo The Swedish NGO Secretariat on Acid Rain utiliza a metodoloxía usada no programa CAFE (Clean Air for Europe) da Comisión Europea, que trata de pór de manifesto a relación entre a contaminación atmosférica e a deterioración da saúde humana.

A aplicación ás centrais das Pontes e de Meirama, a partir do 1 de xaneiro de 2008, dos límites impostos pola Directiva europea de Grandes Instalacións de Combustión (GIC), forzará unha redución das emisións actuais de SO2 e de NOx, que se conseguirá fundamentalmente pola utilización de carbón importado menos contaminante có lignito pardo extraído nas minas situadas ao pé das centrais, minas que se están a esgotar . Sen embargo, hai que ter en conta que os límites máximos establecidos pola Directiva GIC son superiores aos tecnicamente viábeis e que as centrais das Pontes e de Meirama seguirán a ser, mesmo cumprindo a Directiva GIC, enormes focos de contaminación.

Substituír o carbón polo aforro enerxético e as renovábeis

As centrais térmicas de carbón son as industrias con maior impacto ambiental do noso país. A asociación ecoloxista Verdegaia demanda que a súa produción eléctrica sexa substituída por un maior aproveitamento do potencial do aforro enerxético e das enerxías renovábeis. A prolongación prevista da vida destas centrais tan contaminantes e tan ineficientes é unha agresión inaceptábel ao medio ambiente galego e global. Máis inxustificábel aínda se temos en conta que se están a construír dúas novas centrais térmicas, de ciclo combinado a gas natural, en Sabón e nas Pontes


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: