Unha ducia de historiadores, coordinados polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto, elaborarán un arquivo da memoria oral como parte do ambicioso proxecto de investigación da represión franquista que impulsa a consellaría de Cultura coa colaboración das tres universidades galegas. Alén da pescuda en arquivos varios, galegos e da emigración, será clave a colaboración da cidadanía e o equipo investigador explicou que antes de botar a andar oficialmente xa recibiron chamada de numerosas persoas interesadas en achegar información.
Obter todos os nomes de represaliados para o período 1936-1939 facendo un baleirado de información que inclúe a investigación das 25 mil causas militares abertas en Galiza neste período, furando nas causas militares do Tribunal Militar Territorial, da Mariña, nos rexistros Civís Municipais, de Cárceres e Fichas Sanitarias, será obxetivo para este primeiro período.
O equipo de 11 historiadores dirixido polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto realizará un arquivo da memoria oral a través de máis de 300 entrevistas a testemuñas e supervivintes da represión. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo comentou que o traballo, que nesta primeira fase se restrinxe a ese treito de tres anos da Guerra Civil, seguirá en anos próximos, "e tratará de ser unha radiografía detallada da represión desde o 36 ata a chegada da democracia".
O convenio asinado este martes inclúe a colaboración das tres universidades galegas. O reitor compostelán, Senén Barro, comentou durante a presentación que "era un traballo urxente porque unha parte significativa del é a recuperación da memoria oral e estamos xustamente no límite para que non se perdan todas as testemuñas".
Cátedra Alexandre Bóveda
Como parte do "Ano da Memoria", e coincidindo co setenta aniversario da aprobación do Estatuto de Galiza, o padroado da Fundación Alexandre Bóveda anunciou tamén esta semana a creación da "cátedra universitaria Alexandre Bóveda", que "estudará e dará a coñecer a súa figura e en xeral o movemento galeguista da súa época, o chamado galeguismo histórico". Para o seu impulso colaboran a Fundación, a consellaría de Cultura, o Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo e Caixanova.
Iniciará actividade no segundo semestre do ano e o 17 de agosto presentará un cartafol poético "con poemas maiormente inéditos de autores galegos". Para novembro preparan unhas xornadas sobre Alexandre Bóveda e o seu protagonismo no Estatuto galego de 1936. Ademais, convocarán un Premio Bóveda en Ciencias Económicas, Políticas e Sociais.