Case 16,5 millóns de peruanos elixen presidente e os 150 escanos do seu Congreso. A elección presidencial está moi reñida e semella que ningún dos tres candidatos acadará a maioría absoluta na primeira volta. Case que todas as sondaxes revelan un empate técnico entre os tres presidenciábeis: en cabeza das enquisas está a conservadora Lourdes Flores, seguida de preto polo indixenista Ollanta Humala, cabeza populista do Partido Nacionalista Peruano e membro dunha controvertida familia que abala entre a revolución chavista e o golpismo militar. O terceiro en discordia é o ex-presidente Alan García, que dirixe o tradicional partido Apra, integrado na Internacional Socialista. Tamén compite nestas eleccións a fujimorista Alianza polo Futuro, encabezada por Martha Chávez, ex-presidenta do Congreso, pero controlado dende a súa prisión de Chile por Alberto Fujimori.