Tras a concentración este xoves de case 8.000 gandeiros, segundo os sindicatos agrarios, ás portas das plantas de Suiza Foods (Leite Celta), Besnier (Lactalis) e Nestlé en Pontedeume, Vilalba e Pontecesures, en demanda de prezos dignos para o noso leite, a reivindicación rematou nos Carrefour da Coruña e Lugo e no Alcampo de Área Central, en Santiago. "Nós queriamos comunicarlles aos xerentes que o leite non pode estar a menos de 0,50 euros no punto de venda por unha cuestión de simples custos de produción, e iamos ver se cachabamos prezos inferiores, pero os encargados estaban sobre aviso".
Até que un dos empregados fixo o favor de ripar unha etiqueta de 0,51 euros e viron que a de debaixo, tal e como detectaran durante estas semanas, non superaba os 0,41 euros. "Os gandeiros quentáronse", recoñecen os sindicatos. Entón, o leite derramado dunhas cen caixas da marca branca Carrefour -a 0,41 euros/litro- e doutra marca secundaria de Leite Río -0,42- asulagou momentaneamente os corredores dos hipermercados da Coruña e Lugo escollidos polos sindicatos.
Tanto SLG como Unións e XXAA -menos afeito ás mobilizacións- valoraron "moi positivamente" a resposta dos produtores galegos nesta xornada de mobilizacións contra a unilateralidade da industria e da gran distribución.
Sindicatos
"O que máis incidencia ten non son as ofertas puntuais, que tampouco son as de antes, senón o acordo permanente entre as multinacionais e as grandes áreas comerciais á hora de tirar o prezo do leite", di Lidia Senra (SLG). "Pero as empresas van ter que reflexionar, porque a decisión de continuar coas mobilizacións é firme. Até aquí chegamos".
"Os gandeiros galegos acumulan unhas perdas de 44 millóns de euros pola baixada de 2005, e 30 millóns é a proxección de perdas se se mantén a baixada de febreiro de 2006", calcula Félix Porto, de Unións, que remarca que o défice leiteiro estatal -o Estado ten que importar un 20% do leite que consume- "non pode seguir condicionando deste xeito os prezos en orixe".
Ambas centrais fixeron fincapé en que as industrias de capital galego -en clara referencia a Leite Río- e estatal deben deixar de seguir por comenencia a extratexia excedentaria francesa, pois o défice produtivo -o Estado debe importar o 20% do leite que consume- non debe marcar o prezo da produción estatal. "As mobilizacións seguirán", insisten.
Medio Rural
Antes de que acabe o mes, Medio Rural volverá convocar a Mesa do Leite, convertida desde o cambio de Goberno nun verdadeiro foro de diálogo entre produtores e industria. Até agora, estas últimas só consentiron aprazar a baixada de xaneiro, e a súa última ameaza -previa a esta xornada de mobilizacións- é tanxíbel: baixar o prezo en orixe até un 4% con respecto aos valores de 2005.